Skip to main content
ActualidadeVilalba

O Ceip Monseivane leva material de apoio aos alumnos casa por casa

Por 24 Abril, 2020Sin comentarios

Dada a situación actual e “tentando cumprir coas indicacións recibidas dende a Consellería de Educación”, no Ceip Monseivane decidiron facerlles chegar ás familias un paquete con material escolar debido a que “nas zonas rurais nas que viven a maioría non goza dunha boa conexión a internet e moitos só dispoñen dun móbil que, en ocasións, teñen que compartir con irmáns”.

Esta medida, que explicou a súa directora, Irene Díaz, consiste en, “cumprindo coas normas sanitarias pertinentes”, acudir ao longo desta semana ás distintas casas dos escolares para facer entrega destes materiais posibilitando así a continuación do terceiro trimestre en igualdade de condicións. “Con esta iniciativa pretendemos facer chegar unha mensaxe de ánimo a toda a comunidade educativa, coñecer de primeira man cales son as necesidades das familias e ofrecerlles recursos do centro que poidamos dar ou prestar durante esta cuarentena”.

A dirección do colexio tamén lle fixo chegar neste envío o material que quedou nas aulas antes do peche ademais doutros recursos para aquelas familias que non dispoñen de medios acomodados para seguir as rutinas diarias recomendadas polos equipos docentes. Inclúe ademais recusos lúdicos cos que o alumnado poida aprender e divertirse incluso coa participación de toda a familia, naqueles casos que sexa posible. E neste paquete non faltou algunha sorpresiña como unha carta dos mestres e do Ratiño Pérez.

“Informamos ao Concello e aos órganos correspondentes e pedimos a súa compresión, pois dende o CEIP Monseivane pretendemos colaborar para que o alumnado continúe coa súa aprendizaxe incluso nestes difíciles momentos que estamos vivindo a consecuencia da crise sanitaria creada pola epidemia do Covid-19. A resposta por parte deles foi positiva”, ecplicou.

Irene Díaz destacou a boa acollida que está tendo por parte das familias, “o bo recibimento con aplausos, cancións, pancartas… Moitas mencionan que eu son a única visita que reciben dende o comezo do estado de alarma e que os nenos agardan por min coa mesma ilusión que cando veñen os Reis Magos. Está sendo moi positivo pois podo saber en primeira persoa como están pasando estes días, que necesitan e ofrecer tamén información ao resto dos docentes coa finalidade de mellorar o proceso de ensinanza-aprendizaxe. Aínda que non podo dar resposta a moitas das súas preguntas, intento transmitirlles tranquilidade e facerlles ver o lado positivo desta situación”.

“De momento as familias que visitei son todas do rural e coinciden dicindo aquí non se está tan mal pois temos finca para saír a fóra, plantar no horteiro e estar cos animais”, subliña Irene.

Dende que se suspenderon as clases presenciais o centro comunícase coas familias a través dunha aplicación que todos tiñan instalada e xa coñecían pois xa se usaba con frecuencia para temas relacionados co centro. Cada semana envíase unha proposta de actividade para facer en colaboración coa familia, unha forma de aprender con tarefas da vida cotidiana.