Axencia de colocación

O Concello de Muras comeza co reparto das axudas da luz

Estes días pasados, aprobáronse as transferencias das axudas ao pago da factura da luz aos veciños censados de Muras, por un importe total de 64.312,26 euros. A novidade deste ano foi que se incrementou a cantidade máxima a recibir, ata os 600 euros, unha proposta do alcalde que contou co respaldo unánime do pleno da Corporación. Nesta convocatoria, beneficiáronse 162 unidades familiares, o que supón unha cobertura de máis do 70% da poboación.

Do total da axuda, houbo 29 familias que levaron 600 euros, unha cantidade suficiente para facer fronte á factura da luz, que dende hai vinte anos non deixa de subir, chegando a incrementarse en máis dun 80% . “Desta maneira, pódemos afirmar que Muras é un concello libre de pobreza enerxética, onde ningún veciño apaga a calefacción no inverno e onde non falta a auga quente”, asegura o seu alcalde, Manuel Requeijo.

Foi precisamente Requeijo que “en vista da tardanza das escasas axudas existentes e do incremento do desemprego”, mandou que se axilizara o pago das axudas da luz, polo que a diferencia doutros anos, as transferencias executaron con máis antelación, e os veciños e veciñas xa poden dispoñer das cantidades nos seus bancos.

O rexedor de Muras, manifestou que “no ano 2015, dende o BNG propuxemos axudar aos veciños a pagar a factura da luz, cos cartos que recibía o Concello dos aeroxeradores instalados no municipio, e xa levamos catro anos outorgándoas”.

Tamén indicou que “O virus COVID-19 está provocando unha gran crise económica, que está tendo uns efectos devastadores, sobre todo coas miles de persoas que quedaron sen traballo. Penso que o Goberno do Estado debería incrementar e axilizar as axudas aos sectores da poboación máis desfavorecidos, e a Xunta debería aprobar algunha medida que realmente sexa útil e sirva para que as pequenas empresas comecen a recuperarse. A caixa dos concellos dá para o que dá, e os distintos gobernos seguen sen acordar un plan de financiación das entidades locais acorde a súa realidade e sen cambiar os criterios de reparto da participación dos ingresos do Estado, que beneficia ás cidades máis poboadas”.

Do 648 habitantes de Muras, 162 unidades familiares recibirán esetas axudas. 29 teñen o importe máximo de 600 euros. 20 recibirán entre 500 e 600, 27 de 400 a 500, 42 de 300 a 400 e o resto axudas ata 300 euros.

Etiquetas