Axencia de colocación

O Concello de Friol súmase ao programa Formación no Camiño

Desde o Concello de Friol levaron a cabo as xestións necesarias para que Friol sexa un dos 29 municipios da provincia de Lugo que participará no programa a xunta Formación no camiño, que segundo comenta o alcalde José Ángel Santos, axudará a impulsar o camiño e o turismo no municipio, “dado que é e será un sector bastante débil despois desta situación tan difícil que se está vivindo”. Pretende apoiar a celebración do Xacobeo á vez que se impulsa a marca Galicia Calidade e se aposta polo rural galego.

Esta iniciativa pretende desenvolver unha serie de actividades formativas que teñen como obxectivo mellorar a oferta e a calidade das actividades vinculadas ao roteiro Xacobeo. Trátase dun programa que a Xunta poñerá en marcha entre este ano e 2022 e que, mediante as súas dúas liñas, beneficiará tanto a ocupados como a desempregados.

Conta cunha primeira liña de formación profesional para o emprego vinculado ao sector turístico e dirixido tanto a desempregados como ocupados. Impartirase en centros da Xunta e en entidades formativas privadas, nos que se ofrecerán cursos de hostalería e turismo, que se complementarán co ensino de idiomas, manipulación de alimentos, informática, creación de empresas, prevención de riscos laborais, sensibilización ambiental ou igualdade. Tamén se profundará en nocións de emprendemento, administración e xestión, ademais de comercio e márketing.

A segunda liña busca tutorizar a autónomos e emprendedores para que poñan en marcha proxectos de mellora enfocados á profesionalización da xestión no Camiño.

O plan conta con tres fases, unha inicial de diagnóstico do negocio ou a iniciativa emprendedora, outro de formulación dun plan de mellora individualizado e unha final de tutorización do itinerario de mellora establecido.

Con este programa a Xunta pretende reforzar os servizos que os visitantes atoparán nos dez itinerarios do Camiño de Santiago para profesionalizar a oferta, mellorar a súa calidade, incrementar a demanda ao redor deste evento e mellorar a capacitación dos profesionais.

“Temos que aproveitar todas as oportunidades que estean ao noso alcance para apoiar ao sector do turismo, con todo o que iso conleva e significa non só para Friol, senón tamén a nivel provincial, sendo leste, un dos motores económico máis importante debemos de contribuír a relanzalo dunha maneira contundente” afirma o rexedor Jose Ángel Santos.

Etiquetas