O PP de Pol pide a dimisión do alcalde por incumprir o confinamento

O Partido Popular de Pol pide a dimisión de alcalde, o socialista Lino Rodríguez Ónega, por incumprir o confinamento. Deste xeito, o Grupo Municipal do PP censura a actitude do rexedor, pois “é o primeiro que debería dar exemplo ante os seus veciños”. Neste senso, tildan “de moi grave” este modo de actuar e dunha “irresponsabilidade persoal e política” as manifestacións coas que intentou xustificar a súa saída perante aos axentes da Garda Civil, dicíndolles que era o alcalde.

“Lamentamos tal prepotencia”, afirman, “pois ata se pode interpretar esta contestación como un certo abuso do poder, pensando que por ser alcalde ten máis liberdade ou máis dereitos que o resto dos veciños”, sinalan.

Para os populares que o rexedor volva acaparar titulares nos medios de comunicación por cuestións como a sinalada non é algo que lles sorprenda. Basta con lembrar, din, o episodio producido na Deputación, no pasado mandato, e que tivo repercusión a nivel nacional.

Por este motivo, piden incluso ao Partido Socialista e á súa dirección provincial que “tome cartas no asunto”, xa que “os veciños e veciñas de Pol non merecemos un alcalde que só é noticia polas faltas de respecto dende os distintos cargos que ocupou e ocupa”. “Mentras todos estamos a facer un esforzo por seguir as recomendacións que indican as autoridades sanitarias, o socialista fai o que lle peta”, insisten.

“Pensamos que fraco favor lle está a facer ás súas siglas alguén que insulta publicamente ou que, como pasou neste caso, se salta as recomendacións que fan as autoridades sanitarias. É un mal exemplo para o pobo, un mal exemplo para a cidadanía en xeral e un mal exemplo político”, subliñan.

Malia que é a Subdelegación do Goberno a institución encargada de ditaminar o tipo e a contía da sanción, no caso de que o incumprimento o requirise, os populares consideran que o rexedor debe pedir desculpas publicamente a todos os veciños, xa que “mentras todos estamos a facer un esforzo extraordinario por cumprir co que nos din, este señor mira para outro lado, co conseguinte risco que isto supón para a saúde pública nestes momentos”, conclúen.

Etiquetas