Unha empresa vilalbesa prepárase para a volta á normalidade

Un establecemento comercial vilalbés afronta unha serie de axeitadas iniciativas sanitarias para, no momento en que sexa posible reiniciar a actividade comercial, ofrecer aos seus clientes a maior seguridade.

Lanas Pingouín Corsetería, rexentada por Mary Fra, ten instalada xa no seu establecemento unha máquina de ozono para, dúas veces por semana, vaporizar as prendas, penetrando o vapor nos texidos da roupa, e pulverizar o local dúas veces ao día, fóra do horario comercial. Ten instalada unha pantalla de separación entre vendedores e público, e adquirido un milleiro de mascarillas para facilitar aos seus clientes, que asimesmo recibirán cadanseu par de guantes de látex e unha dose de xel ao abandoar as instalacións. Así mesmo, só dous clientes poderán estar simultáneamente no interior do comercio, dando acceso á súa saída aos seguintes.

Esta acción está realizada polas empresas especializadas Ki Fort-Sistemas de limpieza profesional, Grupo Galcar para a desinfección e Proder Pharma, coa supervisión do Instituto Valenciano de Microbioloxía.

A empresaria acomete esta orixinal iniciativa e importante investimento para garantir a hixiene e seguridade sanitaria das súas instalacións, como decidida maneira de afrontar o difícil tempo comercial que vai comezar en canto sexa posible abrir as portas dos establecementos públicos, e que a ben seguro marcará unha pauta a seguir polos establecementos comerciais.

Etiquetas