Enquisa Mobilidade

O BNG de Outeiro propón axudas nas taxas municipais para as familias afectadas polo coronavirus

O BNG de Outeiro de Rei presentou para o próximo Pleno unha proposta onde se solicita que se convoque unha liña de subvencións para que as familias que se vexan afectadas economicamente pola crise orixinada pola Covid-19 poidan facer fronte ao pago dos impostos municipais.

“Son moitas as familias que están a quedar con todos os seus membros no desemprego, con subsidios raquíticos e temporais ou con autónomos que da noite para a mañá atópanse sen ningún ingreso, tendo que manter ademais moitos dos gastos que a súa actividade lles orixinaba”, explican.

“Dende o BNG levamos mantendo dende sempre que todas as administracións deben ter como obxectivo primordial a protección das persoas que nun momento dado quedan sen os recursos suficientes para poder levar unha vida digna. E nesa tarefa, os concellos teñen que estar sempre á vangarda”, engaden.

“Neste caso de extrema necesidade na que se vai sumir unha parte da nosa veciñanza, o concello de Outeiro non pode ser insensible, máis ben todo o contrario, debería poñer todos os recursos dispoñibles para garantir que os efectos desta crise non volvan a recaer unha vez máis na xente máis desprotexida: nas traballadoras, nos autónomos, nas persoas xubiladas, na mocidade, etc.”

Aseguran que son conscientes de que o sistema “é brutal cando se trata de protexerse a si mesmo e non permite eximir a ninguén de pagar os impostos, aínda que non poida pagalos nin teña para comer, a saída legal que moitas administracións están tomando nestes casos e a da subvención, pois cóbranlles os impostos que a lei obriga e, ao mesmo tempo, subvenciona con criterios obxectivos a aquelas persoas que no teñen os ingresos suficientes para poder pagalos”.

Na mesma proposta tamén se fai fincapé en que a liña de subvencións en que ter moi claras as condicións para acceder a elas, con criterios totalmente obxectivos, así como que deberá ser amplamente publicitada para garantir que toda a cidadanía é coñecedora da súa existencia.

“Por desgraza, en Outeiro estamos acostumados a que este tipo de cousas se arranxen no despacho do alcalde, sen ningún tipo de transparencia nin de criterios obxectivos, simplemente polo favor do alcalde e iso ten que cambiar. Temos que empezar a reclamar que nos traten como cidadáns, non como súbditos”, rematou dicindo Xosé Ferreiro.

Etiquetas