Axencia de colocación

As Pontes pide unha reunión telemática da Mesa de Transición Xusta

O Concello das Pontes, as tres centrais sindicais (UGT, CC.OO. e CIG), a asociación de transportistas do carbón (ACTC) e as asociacións empresariais Cohempo e Seara, nunha reunión telemática, celebrada esta semana, acordaron propoñer a celebración e contidos dunha reunión telemática da Mesa da Transición Xusta das Pontes que permita continuar traballando no futuro do municipio, de xeito inmediato pese ás restricións do Estado de Alarma.

Os acordos deste encontro xa foron trasladados ao Ministerio de Transición Ecolóxica para organizar, na maior brevidade posible a súa posta en marcha.

Neste documento, o grupo de traballo local por unha Transición Enerxética Xusta, subliña a urxencia de abordar temas esenciais para o futuro industrial das Pontes, poñendo o foco no emprego vinculado, nos proxectos de hibridación de biocombustibles ou no desenvolvemento de chan industrial.

Nese sentido, o grupo de traballo apunta que “entendemos como función fundamental desta mesa e de todos os seus membros, a de obter e apoiar alternativas que nos permitan alcanzar o obxectivo perseguido de forma conxunta”.

Este documento tamén inclúe a abordaxe dos compromisos co desenvolvemento industrial para As Pontes, desde o Goberno Central, a Xunta de Galicia e Endesa, orientados á promoción de chan, á captación de proxectos económicos que conleven a reindustrialización do municipio ou á necesidade de introducir aspectos correctores, desde o punto de vista de xustiza social e transición xusta, nos mecanismos de acceso ás redes e ás concesións de auga nos territorios afectados por peches de centrais térmicas, de forma que o citado recurso actúe como vector de crecemento económico.

Etiquetas