Concelleiros do BNG e do PSOE de Outeiro abandonan o Pleno

Os concelleiros do BNG de e do PSOE de Outeiro de Rei abandonaron a sala no transcurso do último pleno municipal, celebrado nas instalacións municipais de forma presencial nas que, como asegura o BNG, “no que se impediu explicitamente a participación telemática”.

O BNG indicou que tiña xa pedido dende hai días a celebracións dunha xuntanza cos grupos municipais para que foran informados da situación sanitaria do concello e poder propor ideas para paliar a situación, sempre con reunións telemáticas ou, no seu defecto, con reunións moi reducidas no número de persoas.

“O problema radica en que o salón de plenos do concello de Outeiro ten unhas dimensións moi reducidas, co que nel tivemos que estar os 13 concelleiros e concelleiras máis os funcionarios e técnicos que teñen a obriga de estar presentes e, por riba, o público que decida asistir. Con estas dimensións e o número de presentes é moi difícil gardar as distancias recomendadas polas autoridades sanitarias, ademais do mal exemplo que se transmite á cidadanía”, explicaron. Tamén calificaron de “esperpéntica” o feito de que estiverse presente a Delegada de Sanidade na provincia de Lugo que é membro desta Corporación.

Así mesmo, na parte final do pleno, os nacionalistas abandonaron a sesión acusando ao rexidor de “interromper continuamente as argumentacións dos concelleiros da oposición, non deixando falar con normalidade, e incluso facendo alusións á vida ou circunstancias privadas dalgúns concelleiros ou concelleiras da oposición”.

Cara o final da sesión, no punto de solicitarlle á Deputación o arranxo da ponte de Uriz, cuestión totalmente compartida e apiada polo BNG, “a situación fíxose insoportable e obrigou aos representantes do BNG a abandonar a sesión ante a imposibilidade de poder facer unha argumentación con normalidade e respectando os mínimos principios democráticos”, aseguraron.

Pola súa banda, a voceira socialista Carmen Acacio, alegou que tamén abandonou o pleno “debido á actitude despótica amosada polo alcalde durante esta sesión plenaria”.

Acacio lembrou que nesta reunión ordinaria, o Grupo Socialista, presentou para o seu debate unha moción coa que reclamaba partidas económicas do Concello para o colectivo empresarial afectado polo COVID-19, co fin de contribuír a activación económica local. “Neste pleno o Grupo Socialista puido comprobar que ao PP e ao Alcalde non lle interesan para nada as iniciativas e propostas que poidan contribuír a saír desta crise provocada por esta pandemia. O único que recibimos por resposta foi a prepotencia do PP, e o mantra de botarlle a culpa ao Goberno Central de todos os problemas de Outeiro de Rei”, advertiu.

Ambos os dous grupos reclarmaron ao alcalde por no ter posto medidas de apoio aos sectores económicos máis afectados pola crise así como á batería de medidas concretas para reactivar a economía local propostas polos socialistas, “pero a actitude do PP foi responder con prepotencia e bótanlle a culpa ao Goberno Central”, dixeron.

Os nacionalistas alegaron tamén que o alcalde negoiuse a aceptar a proposta nacionalista para que os damnificados pola pandemia non paguen o IBI.

 

Etiquetas