Fruga pide á Xunta medidas para paliar o peche de explotacións

Segundo indican dende Fruga, o sector de vacún de carne galego, estase a ver seriamente prexudicado como consecuencia da actual crise sanitaria provocada polo Covid-19. “A paralización da hostalaría está a ter unhas consecuencias negativas no consumo de carne de vacún”.

Unha parte importante do consumo deste tipo de carne dábase nos restaurantes. Como consecuencia do peche da hostalaría, as ventas sufriron unha redución notable, que afecta directamente a todas as explotacións de vacún.

“Estamos a falar dun produto cunha calidade consolidada, hai que ter en conta que un porcentaxe importante desta produción, comercializábase baixo o selo da IXP “Ternera Gallega”, Indicación Xeográfica Protexida creada polos anos 90, e que engloba a perto de 9000 explotacións, cunha produción sustentábel, e dunha recoñecida calidade tantos nos mercados Galegos, como nos mercados internacionais”, din.

Nas explotacións leiteiras, unha porcentaxe dos seus ingresos procedía da venta de vacas de desvelle e de xatos de recría. A día de hoxe a baixada de prezos que sofren especialmente as vacas de morte e os xatos de recría, supón igualmente unha mingua nos ingresos dos gandeiros de leite en Galiza.

Fruga considera que “se deben tomar as medidas oportunas por parte do goberno galego para sufragar as dificultades que están a sufrir os produtores de carne deste país. Si os matadoiros non sacrifican os xatos de cebo, os gandeiros e gandeiras non perciben os ingresos correspondentes, o que está a provocar unha acumulación de animais nas súas granxas, non podendo ser vendidos no tempo correspondente. Esta situación afecta tanto ás explotacións cárnicas como lácteas polo baixada de prezos das vacas de desvelle, dos xatos de recría como de consumo, o que está a provocar unhas perdas considerables, que unha vez mais contribúen a acrecentar as dificultades de moitas ganderías galegas”.

Desde a Fruga “exixímoslle ao goberno galego que interveña tomado as medidas oportunas co fin de evitar problemas maiores neste sector. Medidas urxentes que impidan o abandono da produción de carne de vacún no noso País. Esta produción é a principal actividade económica de moitas comarcas do país, dalgunhas case que podemos dicir que é a única, que no caso de desaparecer viría a acrecentar o problema de abandono e despoboamento do noso rural, nun momento tan critico como o que estamos vivindo, onde se está a pór de manifesto a importancia da produción e fornecemento de alimentos para a sociedade”.

Etiquetas