Axencia de colocación

Denuncian a autorización da Xunta para cazar xabarís en Xermade

A Xunta de Galicia concedeu finalmente o permiso para iniciar a caza do xabarín no Tecor de Xermade, que abarca unhas 8.000 hectáreas de terreno e ten uns 130 cazadores. Deste xeito, será este o primeiro a actividade en plena pandemia de Covid-19.

O Goberno central, a través dunha autorización excepcional, permitiu ao Tecor chairego a caza deste animal para mitigar os danos en colleitas e leiras da zona. A autorización para o Tecor de Xermade, que se concede dende hoxe, é para cinco días: 4, 6, 8, 11 e 13.

A caza permitida será na modalidade de espera —a que solicitaron desde o propio Tecor— e é unha actividade individual que garante a seguridade dos cazadores fronte a posibles contagios de coronavirus.

O Tecor de Xermade abarca parte do concello, con superficie en parroquias de Roupar, Cabreiros, Xermade, Miraz e Piñeiro. E nesta última tempada de caza, que arrincou a finais de agosto e prolongouse ata febreiro, cazaron ao redor dos 100 exemplares.

Desde a Federación Galega de Caza, ademais, xa lles enviaron un protocolo de actuación fronte ao Covid-19 para seguir na organización de batidas, esperas ou calquera actividade cinexética. Entre as medidas inclúese a información vía telemática, os desprazamentos de forma individual ou un máximo de dúas persoas colocadas en diagonal, a distancia de seguridade no monte ou a recollida de pezas co menor número de persoas posible.

Pola súa banda, a Fundación Franz Weber avanzou que denunciará estes permisos outorgados pola Consellería de Medio Ambiente alegando que “ningunha norma sobre o Estado de Alarma decreta que a caza sexa unha actividade esencial e, de feito, o propio plan de desescalada presentado hai uns días contemplaba que esta actividade se reactivase a partir da Fase 2, estimado o seu inicio desde finais de maio, aínda que a Xunta decidiu unilateralmente permitir batidas por motivos supostamente excepcionais”.

Etiquetas