Skip to main content
Actualidade

O Concello dinamiza o comercio e o turismo co programa Impulsa as Pontes

O Concello das Pontes porá en marcha, a próxima semana, Impulsa As Pontes, un proxecto de carácter transversal orientado á dinamización económica da vila nas áreas do comercio, a hostalaría e o turismo.

A través deste programa, o grupo de goberno local busca dotar aos profesionais dos sectores máis afectados pola pandemia, de ferramentas que lles permitan saír nas mellores condicións da situación actual, ofrecéndolles un asesoramento individualizado e específico de cara á mellora a súa competitividade.

“Os gobernos locais temos que ser a primeira barreira de protección e dinamización das nosas vilas. Do mesmo xeito, os concellos saneados debemos implicarnos na dinamización dos principais sectores produtivos e orientar a nosa actividade cara ás áreas de futuro como son o comercio de proximidade e o sector turístico. A estratexia Impulsa As Pontes é o programa onde se incluirán todas as iniciativas e axudas que podan supoñer un motor económico que contribúa a saír nas mellores condicións posibles desta crise”, asegura Elena López, responsable da área.

Na súa primeira fase, o programa estará orientado ao sector do comercio e hostalería e botará a andar cunha diagnose que ten como obxectivo poder coñecer a situación na que se atopan os establecementos participantes na estratexia, para pasar despois a unha etapa de formación conxunta para mellorar as capacidades e facer fronte á situación actual.

Despois, o programa chegará a unha etapa de asesoramento individualizado, realizando un acompañamento e seguimento a cada un dos comercios e pequenos negocios participantes para definir o seu plan de mellora, as accións que deben implantar para aumentar a súa competitividade.

Plataforma online

A última fase do programa Impulsa As Pontes será a de promoción conxunta e a creación dunha plataforma de venta online, a través da que o Concello das Pontes quere contribuír a reducir o impacto do coronavirus na economía das persoas autónomas e pemes do municipio e fomentar a transformación tecnolóxica dos comercios para impulsar o aumento do consumo.