Skip to main content
Actualidade

Rematan as obras na rúa da Casilla das Pontes

O Concello das Pontes deu por finalizadas as obras de de rehabilitación da rúa Casilla. Un proxecto, cun orzamento de 86.491 euros,  financiado pola Deputación da Coruña.

Esta actuación permitiu mellorar a pavimentación e a accesibilidade na marxe dereita do viario, entre as rúas Eduardo Pondal e a Praza da Lembranza, dando resposta á demanda da veciñanza para impulsar a contorna, eliminar as barreiras arquitectónicas e mellorar a mobilidade na zona, aumentando a calidade de vida dos veciños e veciñas.

Entre os traballos realizados destacan a substitución da vella pavimentación por formigón impreso e a renovación dos servizos públicos municipais.

Así mesmo, na súa aposta por mellorar a eficiencia enerxética do municipio, retiráronse as luminarias situadas nas fachadas dos edificios, e o cabreado, substituíndoo por novos báculos e puntos de luz, instalados nas beirarrúas, con tecnoloxía LED.

Ademais acometeuse a renovación das instalacións de saneamento, mediante a construción dunha rede separativa de augas pluviais e fecais que incluíu a creación de arquetas para a recollida das acometidas individuais das edificacións así como as acometidas dos sumidoiros e de recollida das augas procedentes dos domicilios e a disposición de pozos de rexistro separativos e a adaptación dos rexistros existentes.