Skip to main content
ActualidadeCospeito

Suspéndese a edición deste ano da Festa dos Xogos de Xotramu

“Dada a situación na que nos atopamos e tentando cumprir coas indicacións sanitarias, dende a Asociación Xogos Tradicionais Muimenta vémonos na obriga de suspender a XII Festa dos Xogos Tradicionais que tería lugar o vindeiro 7 de xuño de 2020. Xunto con este acontecemento, tamén se cancela o sorteo dunha noite no Spa Attica de Vilalba. Este celebrarase un ano máis tarde, o 8 de xuño do 2021, considerando válidas as rifas vendidas coa data deste ano”. Con estas palabras, a comisión organizadora desta cita tradicional de Muimenta, anunciou unha decisión moi medidatada.

Dende o comezo da crise sanitaria creada pola epidemia do Covid-19, Xotramu colabora con Patrimonio Lúdico nunha iniciativa que consiste en colgar na súa páxina web xogos que axuden a levar mellor estos tempos de confinamento. Deste xeito preténdese inculcar aos máis pequenos valores relacionados coa reciclaxe, entre outros, e fomentar a súa creatividade e interese polo noso patrimonio lúdico. Ademais, é unha oportunidade de impulsar o xogo en familia, adaptándose á situación que estamos a vivir.

O vindeiro 7 de xuño, coincidindo coa data prevista para a celebración da duodécima festa, a asociación ten prevista algunha actividade virtual a través das redes sociais para manter a tradición do xogo. Un xogo que non só é para os máis pequenos e pequenas senón que se estende a todos os rangos de idade, traendo numerosos beneficios a nivel físico, motriz…

“Agardamos que moita xente se una a estas iniciativas e enviamos unha mensaxe de ánimo a toda a comunidade que participa e nos acompaña, ano tras ano, nesta festa. Traballaremos arreo para ofrecerlles, no 2021, unha nova edición chea de actividades, algunha novidade e, por suposto, moitos xogos”, indican.