Enquisa Mobilidade

O BNG das Pontes alega que non se cobra a taxa de terrazas dende o 2017

O BNG das Pontes alegou que o grupo de Goberno municipal leva desde 2017 sen facturar polo servizo de terrazas. “Algo que non se cobra non pode ser a medida estrela da reactivación económica da hostalaría pontesa”, indican.

Segundo indican, “precisamos medidas reais de axuda e rescate as autónomas, as pemes e por suposto ás veciñas e veciños das Pontes. A situación da nosa vila, onde o paro aumentou um 18% no mes de abril, e onde a caida de afiliacións á  Seguridade Social nos deixa nun segundo posto en canto a destrucción de emprego se refere, o feche da Central Térmica e agora a crise do Covid-19 precisa de medidas económicas e sociais urxentes”.

No Pleno ordinario do 6 de maio o goberno local do PSOE levou unha moción que o BNG cualifica de improvisada para a supresión das taxas de terrazas. “Desde o BNG das Pontes e desde o inicio da crise sanitaria propuxemos e estivemos dispostas para traballar a a prol da reactivación económica da nosa vila. Algunhas desas propostas realizadas, e que non se aplicaron, foron deixar sen efecto as taxas de auga e recollida de lixo e aplicar unha bonificación do 95% na contribución para propietarias.

O BNG concorda co goberno municipal en que a actividade hostaleira é un “…dos sectores máis castigados pola situación derivada da crise sanitaria, con maiores dificultades no proceso de desescalada e que mantén centos de postos de traballo entre os veciños e veciñas da localidade …, e por iso entendemos que non merecen dun trato así, precisan, xunto coa totalidade das autónomas e pemes locais e co conxunto da poboación, actuacións urxentes, con rigor, e con resultados reais e prácticos”.

Etiquetas