Enquisa Mobilidade

O BNG de Riotorto pide que se aclare en que consistirán as axudas a autónomos

O pasado 4 de abril o goberno de Riotorto anunciou, a través dos perfís oficiais na redes sociais e da aplicación Riotorto Informa, que o concello pagaría o importe dos recibos das persoas autónomas empadroadas no término municipal. O anuncio especificaba que se pagaría “a metade do recibo do mes de marzo e o recibo íntegro do mes de abril” aos autónomos que tiveran que pechar os seus negocios polo estado de alarma sanitaria. 

Acreditado que o Estado exonerou aos autónomos de pagaren o recibo do mes de abril e comezou a devolver a metade dos recibos de marzo, o BNG pide ao goberno local que  “aclare en que se concretarán as axudas anunciadas , que se presentaron coma a medida estrela do concello ante a crise provocada pola Covid 19”. O concelleiro nacionalista Luis Fernández urxe ao executivo do Partido Popular “a aprobar as bases e a convocatoria das axudas, para que as persoas interesadas teñan información sobra as contías e os prazos de solicitude”.

O voceiro nacionalista critica que “o alcalde fixera anuncios sen concreción ningunha xerando confusión entre a veciñanza” e cuestiona a motivación do goberno local á hora de facer a proposta xa que, explica, “o goberno do Estado xa tiña anunciado daquela que exoneraría do pago das cotizacións sociais aos autónomos que solicitaran o cese de actividade pola alarma sanitaria”

Así, a formación nacionalista demándalle ao goberno local que “faga propostas realistas, compatibles coas competencias que teñen os concellos en materia de axudas directas” e “non siga vendendo fume a veciñanza”,  e solicita  “que convoque aos sectores produtivos e aos grupos municipais para propoñer e consensuar medidas de protección social e reactivación económica”.

Etiquetas