Axencia de colocación

O SLG acusa ao Goberno de Vilalba de desidia coa reapertura de feiras

O Sindicato Labrego Galego (SLG) acusa ao Goberno local de Vilalba de desidia por non ter abertos os mercados de proximidade, “a pesares de que se poden realizar feiras con venda directa de produtos agrogandeiros dende o 4 de maio na Galiza”. Segundo indican “o Concello non fixo nada para reactivar as que son da súa competencia, como o mercado semanal dos martes ou o feirón do 19 de maio”. Porén, dende o SLG “non temos constancia de que o consistorio vilalbés se puxese en contacto cos labregos e labregas que venden habitualmente nestes mercados”.

Asegurarn que se puxeron en contacto co goberno vilalbés cunha instancia preguntándolle polas medidas que estaba a desenvolver de cara a reabrir os postos alimentarios nas feiras, “sen que obtivésemos resposta algunha”. Ademais, o anuncio da reapertura deste tipo de mercados xa foi feita oficialmente pola Consellaría de Medio Rural e é un feito en todas as provincias do Estado que acadaron a fase 1 da desescalada, polo que a corporación vilalbesa non pode aducir que descoñece as súas obrigas.

Subliñan que outros concellos da contorna, como Castro de Rei, “si fixeron os deberes e reabriron a súa feira de alimentos labregos. Aínda sendo conscientes das restricións e estritos protocolos para a súa celebración, e de que a afluencia de xente será probablemente escasa os primeiros días, dende o SLG consideramos moi importante que estes mercados comecen a funcionar para que se vaian normalizando de novo como canle de comercialización, xa que deles depende a economía de miles de familias labregas na Galiza”.

Indican que “resulta desconcertante que unha capital rural como Vilalba, cuxa economía depende totalmente da actividade agrogandeira -con dúas feiras semanais, unha mensual e o feirón- estea a demostrar esta desidia nunha cuestión tan importante como a celebración de feiras de alimentos labregos. Tamén se bota de menos que o Concello de Vilalba non tomase aínda ningunha medida de apoio ao sector primario afectado polo peche dos mercados alimentarios de proximidade, como a compra pública de alimentos para fornecer os servizos sociais municipais”.

O SLG e a Federación Rural Galega (Fruga) expresaron o seu “enérxico rexeitamento ao torpedeo permanente que a Delegación do Goberno en Galiza está a perpetrar contra calquera iniciativa relacionada coa reactivación dos mercados alimentarios de proximidade ao prohibir, a través da Subdelegación da Coruña, a celebración de feiras de produtos labregos en vilas como Carballo, Sada, Teo ou Betanzos”.

Etiquetas