Skip to main content
Actualidade

Rematan as obras na avenida da Habana das Pontes

Por 13 Maio, 2020Sin comentarios

O Concello das Pontes rematou, a semana pasada, as obras de mellora e modernización dos servizos básicos municipais na Avenida da Habana, no tramo comprendido entre a Praza do Hospital e a Rúa Monfero.

O proxecto, financiado na súa totalidade pola Deputación da Coruña, cun orzamento de 170.818 euros, tiña como obxectivo mellorar estrutural e esteticamente a zona para crear un maior estado de benestar á veciñanza.
Os traballos, adxudicados á empresa local Canosa Construcciones S.L., permitiron a execución dunha nova rede de recollida de augas pluviais separativa nas dúas marxes da rúa.

Esta rede, que está dotada dos correspondentes sumidoiros, con arquetas de recollida de acometidas das vivendas, permitirá o control do aporte de augas limpas ao sistema de depuración municipal nas épocas de máis choivas evitando posibles inundacións.

As obras levadas a cabo tamén incluíron a substitución das luminarias existentes por novos puntos con tecnoloxía LED, encamiñados a mellorar a eficiencia enerxética no municipio. A nova iluminación pública instalouse sobre báculos dobres, cun punto de luz sobre a estrada e outro de paso para a beirarrúa.

Así mesmo procedeuse á renovación das beirarrúas, seguindo o mesmo deseño da contorna, homoxeneizando a estética de todas as rúas do centro urbano, apostando pola eliminación das barreiras arquitectónicas nun proxecto de pobo máis funcional, no que toda a veciñanza poida moverse sen dificultades.

Os traballos completáronse, coa renovación da capa de rodadura do vial, a instalación de mobiliario urbano e coa sinalización horizontal e vertical precisa.