A bilioteca das Pontes abre o servizo de préstamo e o cemiterio con aforo limitado

O Concello das Pontes inicia o proceso progresivo de reapertura da Biblioteca Municipal Rivera Rouco coa reactivación do servizo de préstamo e devolución de materiais.

Durante toda a Fase 1 do plan de transición cara unha nova realidade, a Biblioteca terá limitada a entrada ata o mostrador, permanecendo pechadas as salas de estudo, lectura así como o acceso aos ordenadores e os aseos, ademais o aforo estará limitado para así poder garantir as distancias de seguridade.

A instalación municipal abrirá de luns a venres, de 09:30 a 13:30 horas, para o servizo de préstamo, sempre baixo demanda, e devolución de materiais. Todo o material devolto permanecerá aillado do resto da colección bibliográfica durante 14 días antes de volver a estar a disposición dos usuarios e usuarias da Biblioteca.

As persoas usuarias deberán acudir co carné da Biblioteca tanto para o préstamo como para a devolución e os/as menores de 14 anos deberán ir acompañados/as sempre dunha persoa adulta.

Co obxectivo de garantir a seguridade da veciñanza, a Biblioteca Municipal porá xel hidroalcólico a disposición do público e recomenda o uso de mascarilla e luvas protectoras para acudir á instalación municipal.

As persoas interesadas en obter máis información sobre a reanudación do servizo poden chamar ao teléfono 981102562 ou enviar un correo electrónico ao enderezo biblioteca@aspontes.org.

CEMITERIO

Os cemiterios municipais das Pontes reabrirán desde mañá, venres 15 de maio, en horario ininterrompido, de 09:00 horas a 21:00 horas.

Co obxectivo de garantir a seguridade da veciñanza, o acceso das visitas aos camposantos estará limitado a dúas persoas por unidade familiar mentres que o aforo no caso dos enterramentos estará limitado a un máximo de 15 persoas.

Desde o Concello das Pontes prégase aos veciños e veciñas que as visitas se limiten ao tempo estritamente necesario e que cumpran coas medidas de seguridade e distanciamento social para evitar a propagación do virus e riscos para a saúde.

Así recoméndase o uso de mascarillas e luvas protectoras, a limpeza dos nichos ou de calquera outra superficie con produtos desinfectantes e o mantemento da distancia social de dous metros.

Asemade, desde o Concello lémbrase que os refugallos deben depositarse en bolsas, debidamente pechadas, dentro dos colectores.