Skip to main content
Actualidade

Comezan a celebrarse as feiras nos concellos chairegos

Por 14 Maio, 2020Sin comentarios

As numerosas protestas e denuncias por parte de organismos defensores de agricultores como SLG ou Fruga conseguiron que se permitise a celebración dos mercados locais de produtos agroalimentarios a partires do luns 4 de maio, “sempre baixo estritas condicións de seguridade”.

As queixas, que chegaron ata a valadora do pobo, indican que a medida de pechar os mercados de proximidade malia manter abertos os supermercados e grandes superficies “foi un agravio comparativo ante os agricultores e gandeiros galegos”.

A reanudación das feiras e mercados é unha das accións desta primeira semana de fase 1. Para celebrarse esíxese unha serie de medidas de distanciamento como son os 5 metros de separación entre postos e rúas de dez metros de ancho, para garantir a separación entre os compradores. Reanudáronse varias feiras na Chaira, a primeira foi en Castro Ribeiras de Lea o mércores e unicamente coa sección de produtos agroalimentarios. O seguinte en celebrarse é o mercado de Vilaba o venres, que manterá a ubicación no campo da feira, o sábado tamén volverá o mercado das Pontes, e o Concello de Meira retomará o domingo o seu. Un dos seguintes será o do Concello de Guitiriz que ten a súa apertura programada para a vindeira semana.

Por outra banda, os concellos de Xermade, Muras, Rábade e A Pastoriza comunicaron que van esperar ás novas regulacións que poidan xurdir coa seguinte fase da desescalada.

Tamén o Concello de Cospeito non sabe cando celebrará a súa feira.

Agora mesmo, tamén están á espera da apertura dos mercados de gando, tendo en conta o mesmo proceso de desescalada e sempre adoptando todas as medidas sanitarias precisas. Advirten que esta orde é demandada polo sector e considerada necesaria para dar saída aos animais que se están acumulando nas explotacións.

MERCADO DAS PONTES

O Concello das Pontes reabrirá o mercado dos sábados, dedicado á venda de produtos do sector primario, o vindeiro sábado, 16 de maio.

O grupo de goberno, co obxectivo de cumprir con todas as obrigas establecidas pola Orde do 4 de maio da Consellería do Medio Rural e garantir que o desenvolvemento desta actividade non supoña ningún risco para a saúde de vendedores/as e compradores/as, decidiu cambiar a ubicación do mercado dos sábados que pasará a celebrarse na carpa situada no patio do Colexio Santa María.

A concelleira responsable da área, Elena López sinala que este cambio de localización “permitiranos establecer un aforo limitado, tanto para o número de postos como para as persoas que acudan a mercar, garantindo ademais unha vía de tránsito de 6 metros entre postos e unha separación mínima de 4 metros entre os laterais, tal e como establece a orde autonómica”

Axentes da Policía Local así como membros de Protección Civil serán os encargados de velar polo cumprimento das normas durante toda a celebración do mercado para garantir que se respecta a distancia mínima persoal, regulando, no caso de ser preciso, a entra ao patio do colexio Santa María para evitar aglomeracións.

Por outra banda, o Concello instalará paneis informativos e sinalización para garantir o distanciamento social e porá a disposición dos vendedores e vendedoras da mascarillas así como xel hidroalcólico, de acordo coas recomendacións das autoridades sanitarias, para vendedores/as e clientes. Asemade, a concelleira de Comercio, Hostalaría e Turismo recorda que é indispensable o uso de luvas e que non está permitida a manipulación, por parte da clientela, dos produtos á venda.

PARTIDO POPULAR DE VILALBA

O PP vilalbés lamenta que non se celebrara o tradicional mercado de produtos agrarios ao aire libre do martes ante “a falta de previsión e traballo do goberno local”. É máis, “descoñécese cando se retomarán os mercados semanais na nosa vila”, critican.

“O goberno local non está nin se lle espera”, afirman os populares lamentando que, deste xeito, “non favorece a súa celebración e, polo tanto, tampouco a comercialización dos produtos agrarios locais de calidade” agora que se poden volver realizar despois de ser suspendidos con motivo do estado de alarma declarado por mor da crise sanitaria derivada do coronavirus.

Os populares indican que “o goberno vilalbés debería ter xa deseñado un plan de traballo para a súa celebración en condicións de seguridade establecendo, polo tanto, distancias entre os postos que desexaran acudir ao mercado para comercializar os seus produtos agrarios”.

Así mesmo, dende o PP de Vilalba lamentan que “o goberno bipartito non teña informado aos responsables dos postos do mercado ao aire libre da posibilidade de volver retomar esta actividade”.

Dende o Partido Popular vilalbés aclaran que “a celebración deste tipo de mercados ao aire libre foi grazas á insistencia da Xunta de Galicia ante o Goberno central que os impedía na nosa comunidade; mentres que os permitía noutras coma Cataluña ou o País Vasco”.