Skip to main content
Actualidade

Indra conta xa coa licenza para construír o seu novo hangar en Rozas

Por 14 Maio, 2020Sin comentarios

O Concello de Castro de Rei autorizou a concesión da licenza de obra a Indra para a construción dun hangar para o desenvolvemento de UAVs (vehículos aéresos non tripulados) no parque empresarial de Rozas.

O proxecto desta multinacional, socia xunto a Babcock e a Administración autonómica na Civil UAVs Initiative, conta cun investimento que rolda o millón de euros e está situado no polo aeroespacial lugués.

Indra tiña pendente este trámite municpal para botar a andar e habilitar na contorna do aeródromo chairego unhas instalacións que terán unhas dimensións de 2.000 metros cadrados de superficie. Nelas, estará o hangar que contará cun edificio con 895 metros cadrados na planta baixa, para labores de investigación, e 172 na planta alta, destinada a oficinas.

O investimento total inclúe tanto a execución material da obra, que ascende a 789.438,52 euros e terá un prazo de seis meses, como á dotación de todo o equipamento necesario para a súa posta en marcha. O novo centro terá capacidade para 25 traballadores, aínda que comezarán con 15 profesionais.

Indra centrará o seu traballo en Rozas no desenvolvemento de produtos aeronáuticos, con especial atención ao seu proxecto estrela, o Targus, unha aeronave opcionalmente tripulada de once metros de envergadura e de 1.250 quilogramos de peso. Ademais, poñerá en funcionamento o Centro de misión e procesado de datos (CMPD) xerados por drons.

O proxecto de Indra é un dos incluídos no desenvolvemento da primeira fase do parque industrial de Rozas, no que se prevén outros sete hangares ou centros de investigación.