Enquisa Mobilidade

Presentados preto de 100 microrrelatos ao Certame do Concello de Vilalba e Culturalia GZ

A área de Cultura do Concello de Vilalba e Culturalia GZ, entidades convocantes do Certame de Microrrelatos Día do Libro, veñen de anunciar a participación de preto de 100 persoas nesta segunda convocatoria, valorando moi positivamente a implicación da xente ante este formato de escritura “cheo de posibilidades e cun gran atractivo literario”.

O certame lanzado o pasado mes de abril contou cunha ampliación do prazo de entrega de traballos froito da crise sanitaria da COVID-19 que obrigou a ficar na casa ao longo de case dous meses. Esta circunstancia provocou que se adiara o prazo, “decisión que consideramos acertada debido á grande participación, especialmente na categoría de persoas adultas”.

Neste senso, a data na que se emitirá o fallo do xurado pasará ao 19 de xuño, día no que tamén se dará a coñecer a composición do mesmo, con tres membros vencellados ao eido da cultura e da educación.

Repartiranse premios para as gañadoras e gañadores das tres categorías (infantil, xuvenil e adultos) nun acto pendente de confirmación, segundo evolucione a situación na que nos atopamos.

“Nesta convocatoria estamos satisfeitos coa boa acollida”, subliñan, poñendo de relevo que “o microrrelato é un formato que anima moito á participación e amosa o gusto da xente por escribir e fomentar a literatura, aínda máis en momentos coma este”.

Etiquetas