Axencia de colocación

A Deputación iniciará actividades online polas Letras Galegas

A área de Cultura celebrará as Letras Galegas coa programación en liña  As Letras en rede, que inclúe unha decena de actuacións musicais e escénicas. Davide Salvado, Raiceira, Ugia Pedreira, Pepe Vaamonde, Mamá Cabra, Micromina Títeres, Ana Carreira, Lóis López, Olga novo e Marina Oural completan o elenco artístico deste novidoso ciclo cultural en rede, que poderá seguirse nas redes sociais e na canle de Youtube da Vicepresidencia da Deputación de Lugo (@vicedepulugo) entre o 17 e o 27 de maio ás 19:00 horas.

A iniciativa, na que colaborou a área de Cultura do Concello de Lugo, pretende trasladar ás redes o carácter reivindicativo e lúdico que acompaña a celebración do Día das Letras Galegas, dedicada este ano ao profesor e escritor Ricardo Carvalho Calero, mais tamén   apoiar aos profesionais da cultura, un dos sectores que está a sufrir o impacto da crise da Covid 19 pola suspensión dos espectáculos ao vivo.

Ademais dos artistas citados -músicas, actores, actrices, narradoras e poetas-, que volveron actuar despois de semanas sen actividade, a programación involucrou unha decena de profesionais que traballaron na produción e realización das actuacións, gravadas durante esta semana no auditorio do Gustavo Freire.

Apoio ao sector cultural

A vicepresidencia da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, sinalou que “malia estarmos nunha situación excepcional non podiamos deixar pasar esta data central na reivindicación da lingua e da cultura propias, e pensamos que a mellor maneira de celebrala era dando este espazo para que os profesionais da música, no teatro, da narración e do audiovisual en galego amosen a súa creatividade e o seu talento”

A deputada explicou que “é unha experiencia nova para case todas as persoas que participan tanto artistas como persoal técnico. Agardamos que guste, e que esta fórmula se manteña como alternativa para soster a actividade cultural mentras non se recuperen os espectáculos ao vivo”.

Maite Ferreiro remarcou o compromiso da área de Cultura para tratar de que “o sector sufra o menos posible o impacto da crise, tanto no ámbito asociativo como profesional”. Nesa liña, lembrou que se “axilizou a tramitación das axudas a entidades e asociacions culturais previstas nos orzamentos, cun importe de 638.000 euros” e que “se traballa para adaptar as programacións previstas a evolución da pandemia en cada momento”. 

Actuacións de artistas lucenses, pensadas para todos os públicos.

As Letras en rede ofrecerá ao longo de dez xornadas espectáculos en liña pensados para todas as idades, con atención tamén para o publico máis novo con espectáculos para público infantil e familiar.

Atendendo ao ámbito provincial da institución, optouse por artistas vinculados á provincia de Lugo. Tamén se priorizou a contratación de artistas que se dedican profesionalmente ás actuacións ao vivo.

Davide Salvado presentará un anaco de seu último espectáculo, “Amarelo”, onde reinterpreta cancións tradicionais galegas e doutras partes do mundo, con textos de Manolo Cortés, dende a óptica contemporánea que caracterizan as súas propostas.A compositora Ugía Pedreira interpretará unha escolma de poemas musicados, con melodías propias e alleas.

O dúo Raiceira, formado polas lucenses Sabela Vázquez e Carmen López, interpertará melodías populares extraídas da tradición oral galega.

En formato trío, con Miriam González ao acordeón e Pipo Alvariño á guitarra, Pepe Vaamonde presentará un espectáculo orixinal pensado para ser bailado nun claro entorno foliadeiro.

A banda de música infantil Mamá Cabra, neste caso cun formato reducido con Gloria Mosquera e Diego Maceiras ao acordeón, ofrecerá un percorrido polos éxitos dunha carreira de máis de 15 anos.

A compañía mindoniense Micromina Títeres ofrecerá un espectáculo para público infantil e familiar apelando ao humor e a intelixencia.

A narradora e dramaturga Ana Carreira, confundadora de distintas compañías de teatro galego, artellará a súa actuación arredor de tres contos, dirixidos a todas as idades.

O poeta e contador de historias Lois Pérez achegará un anaco de “Lirica Piringalla”, un entremés do proxecto “Lugo Philadelphia” erguido en colaboración coa fotografa Alba Díaz, que combina poesía, música, narración oral e humor .

A artista multidisciplinar Marina Oural mesturará na súa actuación a arte do movemento, da declamación, da escrita e da improvisacion oral.

A poeta Olga Novo, cunha obra intimamente relacionada co feminismo, recitará algunhas das súas composicións.

Medidas hixiénico-sanitarias

O traballo de produción e realización dos espectáculos desenvolveuse atendendo a un estrito protocolo de medidas hixienico-sanitarias, mantendo o distanciamento social entre tanto entre os artistas como entre os técnicos e seguindo unhas estritas pautas de desinfeccion e limpeza dos materiais e dos espazos que se empregaron.

Etiquetas