Enquisa Mobilidade

Elba Veleiro, alcaldesa de Vilalba: “Nas patronais algo faremos pero estamos valorando opcións”

Cando se declarou o estado de emerxencia sanitaria e posteriormente o estado de alarma nacional, o Concello de Vilalba foi un dos primeiros da Terra Chá, como cabeza de comarca, en tomar medidas por unha banda para secundar as normas que impoñía o Estado e na outra para axudar aos centos de veciños que aos que esta situación supoñía un duro revés.

Vilalba foi un dos primeiros concellos da contorna en falar de axudas.

En Vilalba puxéronse en funcionamento desde o minuto un as axudas sociais, aínda que xa se prestaban dende Servizos Socias, incrementáronse polo tema da crise, nalguns casos porque son persoas maiores e hai que axudar. Tampouco foi un incremento enorme en prestación de axudas de emerxencia, si que se notou algo  pero non de forma exaxerada. Púxose unha liña directa 24 horas, e Servizos Sociais é o único departamento que mantén dúas persoas desde o primeiro día, e por suposto a Policía e outras actividades esenciais. Unhas das medidas que levaron unha cantidade importante de cartos foron para pagar provedores e prestadores de servizos. Xestionáronse tamén contratos con profesores, monitores de piscina, garderías, monitores das escolas deportivas, etc, de empresas externas, e procurouse que o menor número posible de traballadores non pasaran a un Erte.

E optouse por modificar as taxas.

O máis importante é a de modificación de taxas administrativas, que está pendente de aprobación en Pleno telemático e que se fará a finais de maio, referíndonos ás taxas de ocupación de terreo público como as licenzas de terrazas ou as de andamios. Tamén inclúense non cobrar a de apertura de locais e para as obras menores non se lles cobrará as taxas e ás maiores rebaixanse a metade. E ademais o imposto de plusvalía reducímolo ao 95% en caso de que sexa consecuencia dunha herdanza. Pero tamén estamos abertos a propostas que se poidan facer desde os outros partidos. Moitas desas taxas son pequenas, pero o importante é axudar aos veciños.

Tamén sacaron adiante o programa Compite Vilalba

A última medida que puxemos en marcha para axudar a economía familiar e pensando nos pequenos empresarios e comerciantes é o plan Compite Vilalba, que consiste en formación e asesoramento individualizado dirixido ao comercio local e á hostalería. Hai apuntadas academias, perruquerías, comercios, ludotecas…, un abano amplo do comercio vilabés. Hai desde asesoría xurídica, proxección de cara ao exterior, venda online…. valorarase a situación global e a de Vilalba e logo faranse charlas formativas, ver como vender e como facer a partir de agora coa nova normalidade.

Como se plantexan o futuro?

Gústame ser optimista. Todos, como colectivo e a título individual, perdimos algo, pero a solidariedade da xente é un factor que xoga un papel importante e espero que entre todos poidamos saír o mellor parados posible. Coas saídas a rúas e a apertura das franxas horarias houbo poucos incidentes, pero tamén incrimentáronse os controis sobre todo para informar á xente. Desde o Concello vamos aumentar os controis aínda que o comportamento da inmesa maioría da poboación é excelente. A nós favoreceunos ter moito rural e a xente non notou tanto o confinamento. Pero está claro que o importante son medidas para reactivar a economía. Temos que ser prudentes e responsables para non volver atrás.

Que vai pasar coas feiras?
No tocante ás feiras e mercados este venres abrimos os mercados, que habitualmente son os martes e os venres, pero tan só de produtos agroalimentarios. Supoñemos que se verá reducido en número de postos e séguese mantendo a súa ubicación no Campo da Feira. Pero aínda estamos contactando cos praceiros para confirmar se van vir ou non. Aínda que a normativa di que son eles os que teñen que ter guantes, xel e as medidas hixiénicas, nós imos proporcionar e facilitar todo este material. O Feiron do día 19 en principio no será como se coñece senón será como un mercado, porque a normativa só permite produtos agroalimentarios. E na Feira do primeiro domingo de xuño, estamos á espera das regulación xeral.

E coas patronais do San Ramón e Santa María?
O decreto de alarma obrigounos xa a cancelar o FIV, pero estábamos a traballar no San Ramón, estabamos pechando a proposta de orzamentos do 2020 pero coa alarma sanitaria houbo que “arroxar a papeleira todo”. De feito tiñamos reserva con algunhas orquestras pero agora barállanse outras posibilidades.
Aínda que temos a sorte de que as patronais son a finais de agosto e primeiros de setembro, cremos que non será posible que se faga como as coñecíamos porque son un evento que xunta moitísma xente. Pero algo haberá que facer porque son as patronais, pero doutra maneira, concertos en barrios, en pequenas zonas… pero aínda non temos claro como será. Estamos ideando solucións e estamos abertos a todas as propostas que nos plantexen desde diferentes sectores e veciños.

Etiquetas