A Deputación destina preto de 300.000 euros a unha senda peonil en Ribadeume

A Deputación da Coruña da verde ás obras de construción da senda peonil na estrada DP 1802 á altura do núcleo de Ribadeume, no concello das Pontes, cun orzamento de 294.447,79 euros, tras o anuncio da súa licitación.

As obras permitirán mellorar a seguridade da veciñanza que reside ou se despraza a pé por neste núcleo, que conta con vivendas en ambas as marxes do viario, segundo explicou o alcalde das Pontes e presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

A nova senda discorrerá pola marxe dereita da DP 1802. Irá elevada con respecto á calzada e estará construída con pavimento continuo de formigón en masa. Terá unha lonxitude aproximada dun quilómetro (do PK 15+280 ao 16+230) e unha anchura de dous metros. Así mesmo, contará cun sistema de recollida de pluviais e drenaxe.

As obras incluirán tamén a mellora de iluminación pública en todo o tramo, substituíndo as actuais báculos e lámpadas de vapor de sodio por novas luminarias de sistemas LED, que melloran a eficiencia enerxética e luminosa.

Por outra banda, a Deputación da Coruña, ten previsto a construción doutra senda peonil nos 300 primeiros metros da estrada que une Veiga de Cabanas con As Pontes así como a ampliación do viario ata os 7 metros de ancho, nos primeiros 9 quilómetros da DP 1802 ao seu paso polos núcleos de Goente e A Faeira. Ambas actuacións, cun orzamento de 1,4 millóns de euros suporán unha importante mellora da seguridade tanto do tráfico rodado coma dos peóns.

Etiquetas