O Concello de Friol deseña un plan de emprego municipal

Desde o Equipo de Goberno presidido polo alcalde José A. Santos consideran de vital importancia activar o mercado laboral do municipio, sobre todo nestes momentos complicados que se están atravesando dada a situación sanitaria e económica á que nos levou a pandemia, e beneficiando así a economía das familias onde existen algún membro na condición de desempregado.

Segundo o rexedor, devandito plan de emprego consta de tres fases, dúas delas están deseñadas para a convocatoria de oito postos de traballo cada unha, destinados á brigada de mantemento e melloras dos espazos públicos que existen por todo o territorio do municipio. A primeira fase, que xa está activada e que nos próximos días convocarase, está previsto que comecen nos seus respectivos postos de traballo os primeiros días do mes de xuño, a segunda fase convocarase durante os últimos trimestres do presente ano, os beneficiarios dos respectivos postos de traballo incorporaranse á mesma brigada municipal de mantemento.

A duración dos contratos das dúas fases destinadas a manter e acondicionar os bens públicos que o Concello dispón polo municipio, terán unha duración de seis meses, os requisitos que os interesados deben ter para poder optar ás devanditas convocatorias son os de ser demandante de emprego, non ter ningún contrato de traballo en vigor, non ser beneficiario/a de ningunha prestación pública, entre outros.

A terceira e última fase do devandito plan de emprego, será a creación dunha brigada de incendios, cun contrato de duración de tres meses, destinada a realizar labores de limpeza e prevención de incendios, así como tamén actuará na extinción dos mesmos, esta brigada constará de oito integrantes, distribuídos tres deles como operarios de motobomba e os cinco restantes formarán parte da brigada para a loita contra os incendios que se poden producir durante os meses de verán.

José A. Santos desexa que este ambicioso programa sirva para que moitos veciños que na actualidade non dispoñen dun contrato de traballo, teñan a opción de participar no mesmo e por tanto, aliviar os problemas económicos que puidesen existir no seo familiar, Santos explica que unha parte do plan de emprego financiarase con cargo ao plan único, outra parte do financiamento será a través dunha subvención da Xunta de Galicia, en concreto da Consellería do Medio Rural e o 15% restante será financiado con cargo a fondos municipais.

Etiquetas