Os GDR teñen o papel de impulsar a recuperación económica

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, asegurou que os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) da provincia terán un papel decisivo no impulso da recuperación económica tras a pandemia e, nese senso, animounos a interesarse e tomar partido polas necesidades que xurdan nos seus respectivos territorios.

Balseiro sempre significou a importancia das axudas da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) –xestionadas en cada ámbito xeográfico polos GDR- como pulo para facer realidade moitos proxectos que apostan polo rural como un lugar de oportunidades e dixo que o financiamento que ofrecen pode ser un factor decisivo para dar viabilidade a moitas iniciativas que non teñen acceso ás liñas de financiamento habituais.

O Leader ten un orzamento de 84 millóns de euros dentro do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. Só nos dous últimos anos a Xunta achegou 9,7 millóns de euros en axudas directas xestionadas polos GDR da provincia de Lugo que serviron para apoiar 139 proxectos, que permitiron a consolidación de máis de 502 postos de traballo e tamén a creación de 114 novos empregos no rural lucense.

Así llo trasladou hoxe Balseiro aos xerentes e presidentes dos seis GDR da provincia de Lugo nunha videoconferencia  na que, ademais de facer un pequeno balance das actuacións realizadas ao longo dos últimos meses, fundamentalmente a validación e estudo dos proxectos presentados, a reunión serviu para coñecer máis polo miúdo as achegas e necesidades destas agrupacións.

Na actualidade son seis os GDR operativos na nosa provincia: o de Terras de Miranda, na Mariña lucense, o de Lugo e comarca, o de Vales e Montes Orientais, o da Ribeira Sacra, o Miño-Ulla e o da Terra Chá. Todos eles abarcan a totalidade do territorio lucense.

A xuntanza serviu tamén para poñer de manifesto a boa sintonía existente entre a Xunta e estas entidades e para confirmar a aposta da Consellería do Medio Rural por darlle continuidade aos GDR como xestores da medida Leader de cara aos vindeiros anos.

Etiquetas