O PSOE de Abadín califica de nefasta a xestión do alcalde ante o coronavirus

O voceiro do PsdeG-PSOE de Abadín Pablo Díaz López esixiu a dimisión do Alcalde de Abadín, pola súa nefasta xestión diante da crise sanitaria do Covid.

Dende o Grupo Socialista temos que denunciar que “dende o mes de xaneiro non se celebrou ningún pleno para ter información sobre as medidas ou iniciativas a implementar polo Concello por mor desta pandemia. A día de hoxe o concello, gobernado polo PP, non informou absolutamente de ningunha medida á oposición sobre a crise sanitaria”.

O Voceiro Socialista replica que o Concello do Abadín “converteuse no último Concello da contorna en prover de mascarillas aos  veciños e veciñas, despois de máis de 40 días dende a declaración do estado de alarma. E ademais a día de hoxe puidemos comprobar que algúns veciños aínda non as recibiron hoxe”.

Nesa liña “tamén queremos remarcar que recibimos moitas queixas dos veciños e veciñas sobre o criterio que realizou o PP para levar a cabo ese reparto, xa que segundo sinalan o criterio foi o empadronamento. Como é posible que nun estado de alarma se discrimine á poboación deste xeito?”. E preguntámonos “onde van os miles de guantes e botes desinfectantes que recibiu o Concello das distintas administracións públicas?.

Ademais, as tarefas de desinfección nos espazos públicos da vila comezaron moi tarde, e os traballadores e traballadoras do Concello non tiñan ningún protocolo de seguridade e non contaban con EPIS para poder realizar o seu traballo, nin tampouco os comerciantes da feira”, sinalan.

E por último, as medidas económicas. “O Goberno do PP de Rancaño non ten enriba da mesa ningunha medida económica para as empresas, os autónomos e os comercios da vila, co fin de facer fronte ao impacto económico do Covid en Abadín. Con esta pandemia todas as veciñas e veciños da vila puideron comprobar a ineptitude do Alcalde e de todo o seu equipo que non é capaz de ver mais aló do seu coche oficial”.

Pablo Díaz López envíalle unha mensaxe ao Alcalde. “Márchese xa, vostede é o verdadeiro exemplo do que non se debe facer en política, abandonar aos veciños e nos asumir as súas responsabilidades nunha crise que non soubo nin quixo afrontar”, resumiu.

Etiquetas