Skip to main content
ActualidadeXermade

A Deputación inicia as obras nun novo tramo da estrada Momán-As Pontes

Por 24 Maio, 2020Sin comentarios

Esta semana arrancaron as obras de ampliación e mellora dun novo tramo da estrada provincial LU-P-2204, que vai dende a parroquia de Momán, en Xermade, ata o límite da provincia da Coruña, nas Pontes. A institución inviste máis de 450.000€ neste proxecto, que ten un prazo de execución de cinco meses e consiste no ensanche da calzada ata os 7 metros dun treito da vía de 3 quilómetros (entres os puntos 4 e 7) e na colocación dun pavimento de máis calidade e durabilidade.

A Deputación tivo que superar diversas dificultades en relación coa dispoñibilidade dos terreos para poder acometer esta importante actuación, coa que dá resposta a unha demanda dos veciños e veciñas porque mellorará a comodidade e a seguridade dos numerosos usuarios dunha vía de comunicación fundamental en Xermade, que dá servizo aos veciños e Momán, e comunica coas pontes de García Rodríguez. Ademais, é a alternativa máis curta par aos desprazamentos dos veciños a Santiago e aos aeroportos.

Esta é a terceira fase de obras de mellora que a Deputación leva a cabo na estrada provincial Momán-As Pontes, despois de acometer previamente outras dúas fases nas que ampliou e acondicionou 4 quilómetros (dos puntos 0 ao 2 e do 2 ao 4) cun investimento de 654.000 euros.

Deste xeito, unha vez rematadas os traballos que agora están en marcha, tan só quedarán 2,8 quilómetros para rematar coa mellora integral da vía, que ten un total de 9,8 quilómetros de lonxitude.

O presidente enmarcou esta actuación no “compromiso do Goberno da Deputación de mellorar en función dos recursos dispoñibles a rede viaria provincial, que con máis de 4.200 quilómetros é a máis extensa de España e tres veces maior que a da Xunta de Galicia en Lugo, porque cremos que a mobilidade é un factor esencial para favorecer o equilibrio social e territorial e, polo tanto, para apoiar ao medio rural”.

Os traballos que se están a realizar neste treito da LU-P-2204 consisten no aumento da anchura da calzada pasando dun ancho comprendido entre os 4 e 5 metros ata os 7; drenaxe; afirmado; remodelación integral do firme con aglomerado en quente e limpeza de cunetas. Unha vez finalizada a pavimentación procederase ao incremento da seguridade cunha nova sinalización horizontal mediante marcas reflexivas brancas e recolocarase a sinalización vertical e os sistemas de contención que se vexan afectados polo ensanche da vía.