O PP de Vilalba critica a situación actual da área recreativa da Madalena

Os populares vilalbeses amosan o seu descontento sobre a falta de coidado da área recreativa da Madalena que se atopa “sen rozar” e ofrecendo unha imaxe “descoidada”. Isto demostra “a falta de previsión do goberno local” á hora de xestionar a limpeza das zonas verdes e úrxeno a acometer estes traballos de forma inmediata”.

Dende o PP local cren que “nesta época do ano, na que a vexetación medra especialmente, o Concello xa debería estar realizado os traballos de roza e limpeza da área da Madalena cos seus medios propios, tal e como se facía tódolos anos”.

Os populares critican que aínda non se realizara ningún tipo de intervención deste tipo nesta zona “sendo a principal área recreativa do municipio e unha das máis emblemáticas da comarca”.

É máis, lamentan que “agora que os veciños e veciñas de Vilalba podemos realizar paseos polo noso municipio tras un período de confinamento derivado do estado de alarma declarado para loitar contra o coronavirus, non podamos desfrutar desta zona con tanta riqueza natural debidamente acondicionada”, expoñen. Así, esixen “unhas condicións axeitadas para que os veciños e veciñas poidan pasear con seguridade pola zona”.

Etiquetas