A Deputación reactiva as visitas das familias aos centros de maiores

A Deputación de Lugo retoma de xeito inmediato as visitas de familias e persoas da rede de apoio dos usuarios e usuarias dos seus catro centros de maiores tras recibir na xornada de hoxe o informe de reactivación favorable que tiña pendente de remitirlle a Xunta de Galicia e que era preceptivo para recuperar a actividade das residencias vinculada co exterior, tanto visitas, como novos ingresos.

A institución provincial ten elaborados dende hai dúas semanas os protocolos para a desescalada nos centros de atención a maiores de Trabada, Pol, Ribadeo e A Fonsagrada, uns documentos aos que incorporou as directrices establecidas polas autoridades sanitarias do Estado e tamén foi adaptando ás distintas versións que comunicou a Xunta de Galicia nos últimos días.

Os protocolos que aplica a Deputación son moito máis restrictivos ca os establecidos pola Administración autonómica, ao igual que xa o foron os do confinamento, grazas aos que esta etapa se superou con cero contaxios da Covid-19 entre os máis de 140 usuarios e 90 traballadores e traballadoras das residencias de titularidade provincial.

Seguindo o modelo de atención centrado na persoa, os plans de seguridade sitúan a carga da prevención nos axentes externos, é dicir, tanto no persoal, para o que se aumentan as medidas a adoptar con respecto ao confinamento, como nas visitas, co fin de preservar a calidade de vida e o benestar dos maiores que viven nas residencias.

Cada usuario poderá recibir inicialmente unha única visita por semana e dun só familiar ou persoa da súa rede de apoio.

Etiquetas