Skip to main content
Actualidade

O IES das Pontes participará nun novo proxecto de emprendemento escolar

Por 28 Maio, 2020Sin comentarios

A Deputación da Coruña aprobará no pleno deste venres unha achega de 32.344 euros para impulsar, en colaboración coa Asociación de Empresarios Seara, unha nova edición programa Proem de Emprendemento na Escola, promovido durante os últimos anos ao abeiro do do PEL (Plan de Emprego Local). O proxecto conta coa implicación de distintos centros educativos e entidades empresariais e pretende promover o emprendemento desde a escola como motor de innovación, competitividade e crecemento económico da provincia da Coruña.

Alumnos e alumnas de 3º e 4º de ESO dos IES A Sardiñeira da Coruña, IES As Mariñas de Betanzos, IES Moncho Valcarce das Pontes (coa colaboración da Asociación empresarial Seara) e o CPI O Cruce de Cerceda participarán de novo neste programa, que ten como obxectivo “potenciar a cultura emprendedora entre a mocidade, dándolles a oportunidade de aprender a pór en marcha e xestionar unha idea de negocio desde o seu inicio”, segundo explicou o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso.

A metodoloxía é a de crear unha cooperativa educativa co alumnado de secundaria para que teñan a experiencia completa de crear, xestionar e desenvolver un proxecto empresarial real, o que permite aos mozos e mozas adquirir determinadas competencias e coñecementos que lles poden ser de grande utilidade no futuro.

González Formoso destacou “o talento e as ideas frescas” acreditadas polos mozos e mozas nas últimas edicións do programa e agradeceu a implicación tanto das entidades empresariais que supervisan os proxectos e forman aos mozos e mozas coma dos profesores dos centros escolares, que contribúen ao seu éxito.

O proxecto PROEM de emprendemento na escola naceu nas Pontes, cunha colaboración entre o IES Moncho Valcarce e a Asociación de Empresarios SEARA, e estendeuse a outros centros escolares da provincia grazas ao apoio do PEL, o programa estratéxico da Deputación para a promoción do emprego e o emprendemento na provincia. Tras o éxito acadado cos primeiros proxectos, o goberno provincial estender este a outros centros escolares da provincia.