Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

Guitiriz contará cun regulamento para honras e distincións

Por 29 Maio, 2020Sin comentarios

O Concello de Guitiriz aprobou en sesión plenaria ordinaria e por unanimidade o regulamento de honras e distincións que, entre outras cousas, permitirá poñerlle ao pavillón municipal o nome do ximnasta local Jonathan Carro.

No documento que se levou a pleno, que se desenvolveu de xeito telemático a través da plataforma de streaming facilitada pola Deputación de Lugo, establécense as honras e distincións coas que o Concello de Guitiriz pode conceder o recoñecemento do municipio a aquelas persoas ou entidades que se distinguiran polos seus excepcionais méritos ou polos relevantes servizos prestados a favor dos intereses xerais da localidade, así como o procedemento para a súa concesión.

Entre estas honras e distincións atópase a denominación de espazos públicos ou monumentos, que permitirá levar a un futuro pleno a proposta do goberno local de bautizar o pavillón co nome de Jonathan Carro. Esta proposta debe obter o voto favorable da maioría absoluta do número legal de membros da corporación para a súa entrada en vigor, que se producirá aos quince días da publicación no BOP.

A alcaldesa, Marisol Morandeira, explicou que “era moi necesario contar con este documento que, por exemplo, agora nos permite recoñecer a figura dun gran deportista e unha enorme persoa como Jonathan, que foi unha persoa valente por dedicarse ao que lle gustaba e enfrontarse aos estereotipos”.

No Pleno celebrado este xoves tamén foi aprobada cos votos a favor do PSOE e PP e a abstención do BNG a solicitude de Joca Ingeniería y construcciones, S.A de bonificación da cota do ICIO da obra de Rehabilitación e ampliación de edificio para residencia de persoas da Terceira idade.

No tocante ás mocións do BNG, a que presentaron sobre o Regulamento das Condicións de Uso, Mantemento e Conservación das Vías Municipais eliminouse a petición do propio grupo e a que pedía a elaboración dun plan galego de reactivación económica foi aprobada cos votos a favor do PSOE e BNG e en contra do PP.

Punto urxente

Ademais, entrou por urxencia na orde do día un punto para a modificación da memoria presentada polo Concello de Guitiriz para optar á subvención do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía e empregala para para financiar a renovación da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP). Foi aprobado cos votos a favor do PSOE e BNG e a abstención do PP.