Enquisa Mobilidade

A CHMS limpa o río Azúmara ao seu paso por Castro de Rei

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, traballa no río Azúmara ao seu paso polo municipio lucense de Castro de Rei; actuacións incluídas no Encargo á empresa Tragsa para o Servizo de Conservación e Restauración de leitos da Demarcación Miño-Sil, que se prorrogarán ata final de ano.

Da inspección previa á zona de actuación observouse a presenza de múltiples tapóns e diferentes obstáculos que afectan o transcorrer natural das augas, ademais de abundante vexetación en ambas as marxes que, nalgúns casos, chega a invadir o propio leito.

Para evitar estes problemas, programáronse intervencións en máis de 15 kilometros de leito por ambas as marxes, nas que se procederá á retirada de árbores caídas ou con perigo de caída ao leito, ademais de podas sanitarias e resalveos para a mellorar a estabilidade da vexetación e facilitar o fluxo en casos de avenida, diminuíndo así o risco de inundación.

É importante destacar que a zona entraña certos problemas de acceso, sendo necesario o paso a través de leiras particulares, aos que se lles está pedindo o consentimento para acceder desde a súa propiedade.

Os traballos de limpeza de leitos executaranse de forma manual e farase uso de maquinaria -tractor con pluma e cabrestante- para a o arrastre dos troncos e madeiras inertes desde a beira. Os restos vexetais transportaranse ao xestor autorizado; no caso dos amieiros, aplícanse as medidas ou recomendacións profilácticas co obxecto de evitar a propagación de Phytophthora Alni.

Os traballos no río Azúmara están a ser realizados por 1 brigada composta por catro operarios especializados e un capataz, e prolongaranse ata a segunda quincena de xullo. O investimento previsto supera os 50.000 euros.

“Esta Encomenda finalizará no segundo semestre de 2020, aínda que, estamos a valorar, do mesmo xeito que en 2019, un contrato complementario de reforzo que dea cobertura a un maior número de tramos con problemas, todo iso co ánimo de previr inundacións e avenidas que puidesen afectar as persoas e os seus bens” concluíu o presidente.

Etiquetas