O PP de Vilalba presenta un plan de reactivación económica

Os populares de Vilalba propoñen que o Concello destine 4 millóns de euros a un Plan de Reactivación Económica, Laboral e Social (Prelasvi) ao considerar “imprescindible” a posta en marcha de medidas económicas para facer fronte ás consecuencias derivadas da emerxencia sanitaria da covid-19 e apoiar aos veciños e veciñas afectadas por esta situación.

“Unha vez adoptadas medidas no eido sanitario dende as distintas administracións para controlar o avance do coronavirus”; dende o PP vilalbés cren que “é preciso facer fronte ás consecuencias económicas, laborais e sociais achegando para iso fondos públicos”. Así, cren necesario “establecer axudas dende a administración local para contribuír á reactivación do tecido produtivo; así coma para apoiar aos traballadores afectados pola paralización da súa actividade e colaborar coas persoas que máis o precisan nestes momentos”.

Nese sentido, propoñen un Plan de Reactivación Económica, Laboral e Social para Vilalba que pivota en catro áreas: axudas económicas para pemes e autónomos, reforzo dos servizos sociais, apoio ás asociacións que traballan no ámbito do benestar social e das emerxencias e fondos para a compra de material de protección individual.

“Tendo en conta que o mantemento da actividade económica e o emprego son esenciais para a economía do municipio”, os populares propoñen dirixir 3,2 millóns a autónomos e pemes que soportan con maior dureza a falta de ingresos e liquidez: comerciantes, hostaleiros, profesionais do rural, transformación industrial e alimentaria, construción, turismo e do ámbito cultural, deportivo e de lecer; ademais doutros autónomos afectados pola situación.

Así mesmo, a proposta dos populares disporía de 700.000 euros para o reforzo dos servizos sociais: emerxencias sanitarias, medidas para a conciliación da vida laboral e familiar -talleres e campamentos para os máis pequenos, mozos e mozas e persoas con diversidade funcional. En apoio ás asociacións que traballan no ámbito do benestar social e das emerxencias que foron tan imprescindibles durante a crise da pandemia, propoñen destinar unha cantidade de 50.000 euros e outros tantos para a compra de material de protección individual (EPIS) que permita anticiparse ante posibles rebrotes e contar cun stock de material necesario para servizos esenciais.

Os populares vilalbeses sinalan que “temos que ser ambiciosos” porque é “totalmente viable” contribuír a reactivar a economía local con estes 4 millóns de euros. Os populares propoñen obter recursos de tres administracións: o Concello, a Deputación e a Xunta.

Os populares explican que “debido á boa xestión de anteriores gobernos do Partido Popular, o Concello de Vilalba dispón de solvencia económica suficiente, xa que conta con débeda 0 e elevados remanentes de tesourería”. Por iso, ademais de destinar a este plan fondos do orzamento municipal para o 2020 que está sen elaborar, dende o PP local propoñen “empregar recursos do remanente de tesourería municipal aos que se poden engadir tamén fondos do Plan Único da Deputación e os procedentes das achegas da Xunta con cargo ao Fondo de Cooperación Local dirixido ao noso Concello”.

Consulta o plan pinchando neste enlace

Etiquetas