Skip to main content
Actualidade

Publicadas as bases do plan de reactivación económica das Pontes

Por 6 Xuño, 2020Sin comentarios

O Boletín Oficial da Provincia publicou hoxe as bases reguladoras das axudas do Plan Municipal para a reactivación económica e laboral do Concello das Pontes, destinadas a paliar o impacto económico, social e laboral derivado da crise sanitaria provocada polo Covid 19 sobre as microempresas e persoas autónomas do municipio.

Ana Pena, responsable da área de Industria apunta que “a finalidade destas axudas é contribuír ao sostemento da actividade económica e do emprego no municipio, a través da achega de liquidez ás microempresas e persoas traballadoras por conta propia, para axudarlles no cumprimento das súas obrigas empresariais, a manter a actividade e o emprego así como a amortecer a redución drástica de ingresos que permita a paliar as consecuencias laborais e económicas sobre a veciñanza, derivadas da crise sanitaria”.

O plan de reactivación económica e laboral contará con dúas liñas de achegas; unha cota fixa de 600 euros para persoas físicas e xurídicas afectadas polo peche dos seus establecementos disposto no RD 465/2020 de 17 de marzo que modifica o artigo 10 do RD 463/2020 de 14 de marzo e outra liña, cunha cota fixa de 500 euros para aquelas persoas autónomas ou micropemes que sufriran unha redución da súa facturación de polo menos o 75% en relación coa media efectuada no semestre natural anterior á declaración do Estado de Alarma.

Entre os gastos subvencionables atópanse a cota da seguridade social, arrendamentos e canons, reparacións e conservacións, servizos profesionais independentes, gastos de subministración (auga, luz, gas ou teléfono) o outros gastos como útiles de desinfección, cotas de préstamos ou amortizacións.

As solicitudes, acompañadas da información complementaria, deberán dirixirse ao IPPEC, e presentarse por vía telemática a través da Sede Electrónica do Concello das Pontes e o prazo de presentación das solicitudes será 20 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no BOP.

Todas as persoas interesadas en obter máis información na páxina web do Concello das Pontes, no apartado de subvencións (https://concello.aspontes.org/subvencions/)