Aberto o prazo para solicitar as achegas do plan de reactivación das Pontes

As Pontes abre mañá, venres 12 de xuño, o prazo para presentar as solicitudes das axudas do Plan Municipal para a reactivación económica e laboral do Concello das Pontes, destinadas a paliar o impacto económico, social e laboral derivado da crise sanitaria provocada polo Covid 19 sobre as microempresas e persoas autónomas do municipio.

O plan de reactivación económica e laboral conta con dúas liñas de achegas; unha cota fixa de 600 euros para persoas físicas e xurídicas afectadas polo peche dos seus establecementos disposto no RD 465/2020 de 17 de marzo que modifica o artigo 10 do RD 463/2020 de 14 de marzo e outra liña, cunha cota fixa de 500 euros, para aquelas persoas autónomas ou micropemes que sufriran unha redución da súa facturación de polo menos o 75% en relación coa media efectuada no semestre natural anterior á declaración do Estado de Alarma.

Entre os gastos subvencionables atópanse a cota da seguridade social, arrendamentos e canons, reparacións e conservacións, servizos profesionais independentes, gastos de subministración (auga, luz, gas ou teléfono) o outros gastos como útiles de desinfección, cotas de préstamos ou amortizacións.

As solicitudes, acompañadas da información complementaria, deberán dirixirse ao IPPEC e presentarse, ata o 10 de xullo –incluído- por vía telemática a través da Sede Electrónica do Concello das Pontes.

Todas as persoas interesadas en solicitar estas axudas poden obter máis información na páxina web do Concello das Pontes, no apartado de subvencións (https://concello.aspontes.org/subvencions/)

Etiquetas