O centro de saúde Parga abrirá parcialmente a semana que vén

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, mantivo unha reunión co director da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares Rico, e o director de Atención Primaria, Rafael Sánchez Fernández. Un encontro solicitado pola rexedora ante a preocupación xerada pola falta de novas sobre a reapertura do centro de saúde de Parga.

Na reunión Marisol Morandeira pediulles aos representantes do Sergas que “cumpran a súa palabra” xa que “se cando remate o Estado de Alarma se poden celebrar eleccións, o motivo polo que o Sergas pechou temporalmente o consultorio de Parga xa non existe”.

Segundo informou o Sergas, a vindeira semana o consultorio abrirá só para a atención de pacientes crónicos e enfermaría pero para o Concello iso “non é suficiente”, como destacou a rexedora que pediu “a apertura total do centro tal e como se comprometeron cando se tivo que pechar ao comezo do Estado de Alarma”.

O Concello de Guitiriz cree firmemente que o consultorio de Parga presta un servizo esencial para os veciños e veciñas da zona polo que entende que non pode reducir as súas funcións nin, por suposto, pechar.

Pola súa banda o Partido Popular de Guitiriz fixo un escrito sinalando que “a Xunta garante a asistencia sanitaria no consultorio de Parga”.

O Grupo Municipal do PP agradeceu ao director da área sanitaria de Lugo que teña escoitado as suxerencias que lle trasladaron sobre o consultorio de Parga “tras recoller as demandas tanto dos seus usuarios e usuarias coma dos veciños e veciña da localidade”.

Os concelleiros do PP inciden en que “a Xunta garante a continuidade da asistencia sanitaria en Parga. Pronto se retomará parte da súa actividade asistencial e, en canto o permitan os protocolos da loita contra o coronavirus, o consultorio volverá retomar a súa actividade habitual”, sinalaron.

Consideran polo tanto que se trata duhna “boa nova para a vila” que volverá recuperar este servizo tras ser suspendido temporalmente debido á pandemia da covid-19 porque “as súas instalacións non permitían garantir as medidas de seguridade necesarias para atender aos pacientes nesta circunstancia” como é o caso da dobre circulación de persoas.

Os populares explican que “é importante recuperar o servizo en Parga”; sen esquecer tamén que “é necesario garantir a seguridade dos pacientes que acudan ao consultorio ante o coronavirus”.

Etiquetas