Javier Roca, empresario: “O proxecto máis inmediato é cambiar a oficina de Vilalba”

Francisco Javier Roca é un veciño de Vilalba que nun primeiro momento tomou o relevo dun dos despachos de avogados con tradición na vila e que posteriormente ampliou os servizos abrindo unha inmobiliaria incentivado pola demanda existente.

Canto levan funcionando?
Como despacho de avogados empezou a funcionar no ano 1961 da man do meu pai. En 1994 incorporeime ao despacho intentando combinar a experiencia coa savia nova. E en febreiro do 2000, foi cando decidimos poñer en marcha a inmobiliaria.

Como xurdiu a idea?
En relación á avogacia só foi continuar coa actividade que viña realizando meu pai. Con respecto a inmobiliaria, no año 1997 convocaron en Madrid uns exames para facerse axente da Propiedade Inmobiliaria, presenteime e tiven a sorte de aprobalos. A partir de aí, pensei que podía ser interesante combinar as dúas actividades de avogacía e inmobiliaria; pero aínda esperei ata o ano 2000 para poñer en marcha esta última.

Qué tipo de servizos prestan?
En relación á avogacía, a maioría dos asuntos que levamos están relacionados cos divorcios, divisións de herdanzas, todo o relacionado cos inmobles, comunidades e servidumes, accidentes e asuntos de índole penal. Polo que se refire á inmobiliaria, as actividades principais son as vendas e os alugueiros

Cales son os máis demandados?
Todas esas materias teñen bastante demanda. O que si nos atopamos ás veces, é que de cara ao aluguer, poderíamos alugar máis pisos dos que nos entran.

Cambiou o traballo nestes últimos tempos por mor da pandemia?
O cambio principal son as medidas hixiénicas e de distanciamento, o que afecta tanto ao labor de avogacía como á da inmobiliaria. A maiores, en relación á avogacía, a actividade dos xulgados estivo paralizada salvo para cousas urxentes. En relación a inmobiliaria, de momento seguimos notando demanda en vendas e alugueiros; si ben, nestos últimos, os propietarios teñen máis medo a alugar, xa que temen que os posibles inquilinos se queden sen traballo.

Que zona cubren?
O labor de avogacía céntrase, principalmente, en toda a provincia de Lugo e A Coruña, dispoñendo de despacho aberto ao público tanto en Vilalba como en Lugo capital. Por contra, a inmobiliaria centra a súa actividade en Vilalba e concellos limítrofes como Cospeito, Xermade, Abadín e Begonte.

Cales son as últimas novidades do sector?
A novidade principal que afecta as duas actividades nosas, e supoño que para a maioría das actividades da xente, é a incertidume creada polo coronavirus.

Que proxectos ten de cara ao futuro?
O máis inmediato é cambiar a ubicación da oficina de Vilalba; pois actualmente estamos nun primeiro andar da rúa dos Pepes, e temos a intención, en canto o coronavirus e as autoridades nolo permitan, empezar as obras do baixo do mesmo edificio para trasladarnos para él. Tamén esta situación píllanos en medio da integración nunha MLS, en concreto en AGORA MLS, que básicamente é unha agrupación de inmobiliarias que coopera entre elas, o que nos vai permitir que mais ollos podan ver os distintos inmobles que temos e tamén vender ou alugar en distintas localidades de Galicia e do resto de España.

Cómo conviven os dous negocios?
Ambas actividades son complementarias e sobre todo na inmobiliaria os coñecementos xurídicos facilítante moito o traballo, xa que entendes mellor os problemas que poden xurdir nos distintos trámites da operativa inmobiliaria e a forma de buscarlles solucións.

Qué obxectivos se marca?
O obxectivo principal, dada a situación na que nos atopamos, é aguantar o chaparrón e pensar, que nunca choveu que non escampara. Polo demáis, seguir traballando con sencillez, humildade e intentando facer o traballo o mellor que se poida.

Etiquetas