O PP de Vilalba pedirá no Pleno explicacións sobre a ruptura do pacto de Goberno

As repercusións sobre a ruptura do pacto de Goberno entre PSOE e Vilalba Aberta continúan e o principal partido da oposición, o PP, xa presentou unha moción para o próximo pleno no que pedirá explicacións sobre o acontecido.

Así, no escrito presentado, os populares solicitan a comparecencia da alcaldesa, Elba Veleiro, “para dar conta da ruptura do pacto de goberno municipal”.

Considera o partido que existe unha necesidade dunhha explicación pública e piden que esta se faga no Pleno que terá lugar o mércores 17.

“A día de hoxe, a única explicación que dan o goberno municipal e alcaldesa ao respecto (do pacto de goberno) é unha xenérica, vaga e imprecisa alusión a unha perda de confianza: eufemismo que o mesmo vale para un roto que para un descosido”, critican desde el Partido Popular.

Consideran que a destitución dun concelleiro pode formar parte do ámbito de competencia estrito da Alcaldía pero a ruptura dun pacto ou coalición de goberno “esixe unha explicación pública á cidadanía, xa que incide na gobernanza directa dos asuntos do Concello e, neste caso, da veciñanza de Vilalba”.

Por outra banda, lembran no PP que o PSOE prometeu “outra forma de facer política, de transparencia e de diálogo. Se non o fai, quedará a dúbida de se tal pacto foi unha cortina de fume, unha farsa ou un engano en toda regra ao pobo de Vilalba. Se non o fai, quedará a dúbida, cremos que inxusta, de que o señor Modesto Renda Santiso é politicamente desleal e non fiable. E sobre todo, quedará a sensación de covardía política da alcaldesa e do equipo de goberno”, conclúen.

Etiquetas