Vilalba Aberta presentará no pleno o seu plan de axudas a autónomos e pemes

Catro días despois da ruptura do pacto de Goberno entre o PSOE e Vilalba Aberta, a formación asemblearia vén de presentar a que será a primeira das súas iniciativas na súa volta á oposición.

Segundo explican trátase dunha proposta que presentaran como iniciativa ao Goberno de Coalición, “e que durante todo o estado de alarma non atopou resposta por parte da Alcaldía”, que en palabras de Renda “representa unha traballada adaptación do Plan Reanima posto en marcha por parte do Goberno do Concello de Lugo”.

O plan consiste nun amplo programa de axudas directas a autónomos e pemes, con fin de actuar de xeito inmediato diante das consecuencias derivadas da crise económica provocada pola aparición do covid-19, ao tempo que impulsar e reactivar a actividade económica (moi especialmente aquela de tipo comercial, hostaleira e de servizos, en tanto que principal afectada polo mesmo) no termo municipal de Vilalba, outorgando liquidez aos autónomos e pemes locais, contribuíndo a facilitar o cumprimento dos seus deberes empresariais, axudar ao seu mantemento e reforzamento contribuíndo, así, a institución municipal á protección do emprego e, en consecuencia, ao da pequena e mediana economía do Concello.

DETALLADA MEMORIA ECONÓMICA

A concesión das axudas previstas financiaríase con cargo á aplicación orzamentaria do 50% permitido por parte da Deputación Provincial en relación ao Plan Único (250.000 euros) e que, unida á utilización da mesma cantidade pola vía da mobilización de fondos propios (procedentes da tesourería municipal), darían como suma unha contía dun total de 500.000 euros.

As axudas previstas outorgaríanse ata esgotar o máximo previsto de 500.000 euros e, no caso de que finalizado o prazo de solicitude se presentara un número de solicitudes para as cales non fose suficiente a contía inicialmente consignada, está poderá ser incrementada previa tramitación do correspondente expediente de modificación orzamentaria.

Na mesma liña, resoltos os expedientes presentados no prazo establecido da convocatoria e non esgotándose o crédito establecido na mesma, quedaría aberta a posibilidade, previo acordo da Xunta de Goberno Local, de acordar a realización dunha segunda convocatoria destas axudas, ditando, para o efecto, as normas necesarias para a súa execución dentro do exercicio 2020.

CONTÍA DAS AXUDAS

Tal e como explicou Renda na presentación do mesmo, o programa distinguiría dúas liñas de axudas ben diferenciadas, en base ao impacto económico provocado polo disposto no Real Decreto polo que se decretou o Estado de Alarma.

Neste sentido, concederíase unha contía fixa de 1.200 euros para persoas físicas e xurídicas con ou sen traballadores ao seu cargo, cando a actividade que desenvolvan se vira afectada polo peche de establecementos disposto no mesmo e outra de 750 euros a aquelas persoas físicas ou xurídicas con ou sen traballadores ao seu cargo que non se viron afectados polo peche de establecementos, a condición de que acrediten unha redución da súa facturación no mes de abril de 2020 de ao menos o 75%, en relación coa media efectuada no semestre natural anterior á declaración do estado de alarma.

Dúas liñas de axudas fixas diferenciadas, que se poderían ver incrementadas nas seguintes en 500 euros por traballador no caso de ter un mínimo de 3 traballadores a data 1 de marzo de 2020, no caso de acreditar que non se tramitou un ERTE no momento de solicitar a subvención así como comprometerse a non solicitalo nos 3 meses inmediatamente posteriores á súa concesión; e en 250 euros por traballador no caso de ter un mínimo de 6 traballadores a data 1 de marzo de 2020, no caso de acreditar que non se tramitou expediente de regulación temporal de emprego, no mesmo suposto.

No tocante aos requisitos para ser beneficiario, a memoria de tramitación inclúe coma condición indispensable que o domicilio fiscal ou no seu caso, o local de desenvolvemento da actividade se atopen no termo municipal de Vilalba. Neste sentido, o autónomo ou peme beneficiado estaría obrigado a manter a actividade empresarial durante 3 meses, como mínimo, a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de concesión da subvención e unha comisión municipal de valoración e seguimento composta polos servizos técnicos e xurídicos municipais, sería a encargada de velar pola transparencia e axilidade do proceso.

PAGOS

O pago destas subvencións realizaríase nun pago único pola totalidade do importe concedido, mediante transferencia bancaria, a partir da data da resolución de concesión, sen que sexa necesaria a constitución de garantías. En caso de incumprimento dos deberes, o Servizo xestor iniciará de oficio expediente administrativo que, previa audiencia á persoa interesada, propoñerá a iniciación do procedemento de reintegro dos fondos, xunto coa liquidación dos intereses de demora correspondentes.

Etiquetas