O PP de Xermade reclama medidas concretas para os afectados polo covid-19

O Grupo Municipal do PP de Xermade interesouse no pleno ordinario celebrado na tarde deste luns por coñecer se o goberno local tiña claro como materializar as propostas que os populares lle trasladaran a través dun rogo no pleno anterior co obxectivo de axudar aos veciños e veciñas ante esta situación de emerxencia. Lamentan, nese sentido, a “falta de interese do goberno local por establecer axudas para os veciños máis desfavorecidos pola situación de emerxencia da covid-19 e devolver as taxas cobradas aos negocios máis afectados polo peche da súa actividade”.

O voceiro do PP de Xermade, Antonio Riveira, explica que “o único que aportou o Concello para contribuír a paliar a crise do coronavirus no noso municipio foron os 4.296 euros que se dirixirán ás familias máis prexudicadas e que se obteñen do aforro ás arcas municipais que supón que os membros da corporación que non teñen dedicación exclusiva ou parcial non perciban indemnización pola asistencia ás xuntas de goberno, plenos e comisións -coma os concelleiros do Grupo Municipal Popular nos últimos dous casos-; ademais da redución nun 25% do salario correspondente á dedicación parcial do concelleiro de Medio Rural. En calquera caso, os populares aclaran que “se trata dunha medida que propuxemos antes da celebración do anterior pleno e que foi apoiada polo noso grupo”.

Con todo, Riveira asegura que esta única medida “non é suficiente” e critica que “o goberno local se escude na falta de competencias en determinadas materias para non convocar axudas como teñen feito outros concellos en apoio á actividade empresarial prexudicada de cara á reactivación económica tralo coronavirus”. O popular cre que “xa que outros concellos -incluso gobernados polo PSOE- teñen convocado distintas liñas de axudas; teñen que existir fórmulas que atendan á legalidade e que permitan establecer medidas de apoio aos nosos veciños e veciñas ante esta extraordinaria situación”.

Tamén en relación á situación de emerxencia sanitaria provocada pola pandemia, os populares lembraron que “as renuncias temporais ao servizo de axuda no fogar (SAF) non supuxeron a suspensión do cobro do servizo non prestado” e, polo tanto, trasladou ao goberno local a posibilidade de estudar fórmulas para compensar ou devolver o seu abono.

Queixas dos veciños
Os populares de Xermade tamén trasladaron a esta sesión plenaria diversas queixas dos veciños e veciñas do municipio en relación á xestión de espazos de titularidade municipal coma nos puntos de recollida de plásticos no campo da feira de Momán ou no monte dos Patelos en Candamil onde se acumulan residuos de toda clase e para o que os populares piden actuacións dilixentes atendendo ao coidado do medioambiente. De feito, sinalan que “este goberno municipal xa foi sancionado en dúas ocasións por falta de coidado no tratamento destes residuos e danos medioambientais no entorno”.

Os populares tamén trasladaron as queixas dos veciños e veciñas de Cazás ante o peche do depósito de auga situado nas inmediacións do campo de fútbol ao que agora non poden acceder.

Sobre a situación dunhas obras en Momán nas que está a intervir a Axencia da Protección da Legalidade Urbanística (APLU) tamén preguntaron ao goberno local dende o Grupo Popular; ademais de facerse eco das queixas dos veciños e veciñas da zona polo cheiro dos residuos depositados en varias fincas da zona.

Acondicionamento dun treito da estrada provincial LU-P-2209
Os populares de Xermade tamén formularon un rogo no pleno para que o Concello de Xermade requira á Deputación Provincial de Lugo o acondicionado do treito AG-64 – A Touza da estrada LU-P-22069 (Cabreiros – A Touza). Para o Grupo Municipal do PP “as adicións puntuais de aglomerado en frío non son suficientes porque presenta un firme irregular e unha capa de rodadura totalmente desfeita”.

Etiquetas