Licitan a restauración de dúas vivendas de promoción pública en Vilalba

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de licitar as obras de rehabilitación de dous inmobles en estado de ruína no casco histórico de Vilalba para convertelos en vivendas de promoción pública. Suman un investimento de preto de 400.000 euros.

En concreto, o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) -que depende do citado departamento- publicou a licitación de senllos contratos para recuperar o inmoble da rúa Ferrería número 6, cun orzamento de 260.110 euros, e o edificio situado no número 14 da rúa Concepción Arenal, neste caso cun orzamento de licitación de 136.105 euros. En ambos casos o prazo para presentar ofertas por parte das empresas interesadas remata o 14 de xullo, e o prazo máximo de execución será de 12 meses.

Obteranse dúas vivendas unifamiliares. A situada na rúa Concepción Arenal conta con planta baixa e planta primeira; debido ao profundo deterioro que presenta, requirirá unha intervención integral que mesmo contempla a reconstrución dos muros exteriores.

O edificio da rúa Ferrería, cos muros perimetrais en mellor estado, tamén precisa dunha importante actuación que incluirá a demolición dos forxados de madeira, carpintaría, tabiques e o baleirado completo, conservando só a fábrica estrutural en bo estado. Conta cunha planta semisoto, dúas altas e un espazo de trasteiro no baixo cuberta.

Os edificios foron adquiridos polo IGVS co dobre obxectivo de facilitar o acceso á vivenda á cidadanía, especialmente en concellos como Vilalba cunha notable demanda, e contribuír á recuperación do casco histórico.

Etiquetas