Abre o prazo para solicitar as axudas do plan Revitaliza o teu Municipio de Meira

O Concello de Meira abriu xa o prazo de presentación de solicitudes para o programa Revitaliza o teu Municipio, polo que se ofrecen axudas directas de 600 ou 400 euros a aqueles comercios que se viron obrigados a pechar ou sufriron perdas de ingresos debido á crise provocada polo covid-19.

O modelo de solicitude está dispoñible na web municipal e estas deben facerse exclusivamente a través da sede electrónica municipal e ata o 20 de xuño, xa que se establecen de prazo 20 días hábiles.

Como explica a convocatoria destas axudas, a finalidade das mesmas é protexer e apoiar ao tecido produtivo e social de meira consitutido polas pequenas empresas formadas por autónomos.

Tendo carácter de subvención, será un procedemento de concesión en réxime de concorrencia competitiva para todo o mundo que cumpra as condicións, segundo orde de entrada e ata escogar a contía destinada a tal efecto, que é de 40.000 euros.

Para poder acceder a estas axudas requírese ser autónomo, micro ou pequena empresa, estar ao día nos pagos tributarios, estar de alta na Seguridade Social e Mutua, non ter incremento na facturación e non ter débedas co Concello.

A parte positiva é que estas axudas son compatibles con outras doutras administracións e serán abonada cun pago único mediante transferencia bancaria.

Etiquetas