Skip to main content
ActualidadeVilalba

Vilalba Aberta urxe ao PSOE a posta en marcha das axudas a autónomos e pemes

Por 26 Xuño, 2020Sin comentarios

Unha semana despois de que Vilalba Aberta conseguira sacar adiante en Pleno a súa proposta de Programa Municipal de axudas a autónomos e Pemes, logo da abstención do Grupo Socialista unida á do Grupo Municipal do Partido Popular; a formación asemblearia contestou a varios membros do Goberno Municipal que nos días posteriores á celebración da  sesión ordinaria manifestaron a súa inquedanza sobre as mesmas.

Tal e como lembraron, a proposta de bases reguladoras á que está vinculada aprobación do acordo plenario foi “trasladada e contrastada previamente á súa exposición coa intervención municipal”, isto é: a figura a quen lle corresponde o control e fiscalización interna da xestión económico-financeira e orzamentaria do Concello.

A argumentación, que chega logo das reiteradas alusións do Equipo de Goberno do PSOE á necesidade de agardar polo “favorable informe” dos servizos xurídicos do Concello, foi ampliada por parte do voceiro municipal e edil da formación, Modesto Renda, que non quixo deixar pasar a ocasión para lembrar que, para asegurarse de que as axudas saíran adiante “Vilalba Aberta estimou imprescindible vincular a aprobación do acordo plenario a que se tomara como base o establecido na exposición de motivos.” Neste sentido, remarcou, entendendo que se a exposición de motivos é á súa vez unha proposta de bases reguladoras, “parece evidente que a aprobación do mesmo significa que o que sae adiante é o mandato claro do Pleno de iniciar o procedemento preceptivo, a fin de que, dunha vez, o Concello de Vilalba poña a disposición de autónomos e pemes eses 500.000 euros a fin de actuar de xeito inmediato diante das consecuencias derivadas da crise económica provocada pola aparición do covid, ao tempo que impulsar e reactivar a actividade económica (moi especialmente aquela de tipo comercial, hostaleira e de servizos, en tanto que principal afectada polo mesmo) no termo municipal de Vilalba”, concluíu.

Unha opinión compartida pola súa compañeira de Grupo Municipal e edil da formación, María Xosé Fernández, quen volveu facer referencia a que a iniciativa aprobada en Pleno foi unha iniciativa que, no seno do Goberno de Coalición e aínda dende a súa delegación como concelleiro de Comercio e Turismo, Renda trasladou, “caendo inexplicablemente esta en saco roto.”

“Se para que saian adiante estas axudas é preciso que leven impreso o logotipo do PSOE, nós non imos ter ningún problema. Iso si, que saian, que se cumpra co aprobado en sesión plenaria e que os autónomos e Pemes do Concello de Vilaba conten coas mesmas posibilidades que os autónomos e Pemes de Guitiriz, Monforte, Lugo, Viveiro e a Pontenova, entre tantos outros concellos gobernados polo PSdG ao longo da nosa xeografía.”

DETALLADA MEMORIA ECONÓMICA E DE TRAMITACIÓN

Presentada acompañado dunha extensa e minuciosa memoria económica e de tramitación, o programa de axudas directas a autónomos e PEMES de Vilalba Aberta financiaríase, tal e como xa teñen explicado dende a formación, con cargo á aplicación orzamentaria do 50% permitido por parte da Deputación Provincial en relación ao Plan Único (250.000€) e que, unida á utilización da mesma cantidade pola vía da mobilización de fondos propios (procedentes da tesourería municipal), darían como suma a contía total delimitada.

CONTÍA DAS AXUDAS

Tal e como explicou Renda na súa exposición en sesión plenaria, o programa distinguiría dúas liñas de axudas ben diferenciadas, en base ao impacto económico provocado polo disposto no Real Decreto polo que se decretou o Estado de Alarma, isto é: unha contía fixa de 1.200 € para persoas físicas e xurídicas con ou sen traballadores ao seu cargo, cando a actividade que desenvolvan se vira afectada polo peche de establecementos disposto no mesmo e outra de 750 € a aquelas persoas físicas ou xurídicas con ou sen traballadores ao seu cargo que non se viron afectados polo peche de establecementos, a condición de que acrediten unha redución da súa facturación no mes de Abril de 2020 de ao menos o 75%, en relación coa media efectuada no semestre natural anterior á declaración do estado de alarma.

Dúas liñas de axudas fixas diferenciadas, que se poderían ver incrementadas nas seguintes en 500€ por traballador/a no caso de ter un mínimo de 3 traballadores/as a data 1 de marzo de 2020, no caso de acreditar que non se tramitou un ERTE no momento de solicitar a subvención así como comprometerse a non solicitalo nos 3 meses inmediatamente posteriores á súa concesión; e en 250€ por traballador/a no caso de ter un mínimo de 6 traballadores a data 1 de marzo de 2020, no caso de acreditar que non se tramitou expediente de regulación temporal de emprego, no mesmo suposto.
No tocante aos requisitos para ser beneficiario, a memoria de tramitación inclúe coma condición indispensable que o domicilio fiscal ou no seu caso, o local de desenvolvemento da actividade se atopen no termo municipal de Vilalba. Neste sentido, o autónomo ou PEME beneficiado estaría obrigado a manter a actividade empresarial durante 3 meses, como mínimo, a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de concesión da subvención e unha comisión municipal de valoración e seguimento composta polos servizos técnicos e xurídicos municipais, sería a encargada de velar pola transparencia e axilidade do proceso.