Skip to main content
ActualidadeMeira

A Deputación recibe a obra da residencia de Meira

Por 27 Xuño, 2020Sin comentarios

O presidente da Deputación, José Tomé Roca, a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, técnicos da Deputación, e o alcalde de Meira, Antonio de Dios Álvarez, recibiron onte a obra do centro de maiores deste municipio. Ata este momento esta obra estaba xestionada por Suplusa, ente provincial que agora mesmo está en proceso de disolución.

Tomé Roca subliñou que “coa recepción da obra da residencia de Meira seguimos demostrando a nosa firme e clara vontade de cumprir co todos e cada un dos compromisos adquiridos cos concellos en materia de construción e posta en marcha das residencias, tal e como afirmamos dende o principio do mandato”.

“Sabemos que unha nova moi esperada polos veciños e veciñas, que levan moito tempo agardando para que ver materializado un proxecto fundamental para a localidade, tanto para mellorar o benestar, como para a creación de emprego sostible”, engadiu o presidente.

A Deputación de Lugo e Concello de Meira firmaron en 2019 un convenio de colaboración no que se reflicte unha achega anual de 300.000 euros para financiar as prazas de maiores da provincia que non teñen recursos económicos suficientes. Comprometendo 1,2 millóns de euros provinciais ata xuño de 2022.

O prezo de adxudicación destes traballos foi de 1.639.000 euros, financiado pola Deputación. O Concellos aportou outros 200.000 euros e os terreos onde se construíu. A capacidade máxima que poderá atender este centro será de 50 persoas, contará con 30 prazas para residentes e 20 para centro de día.

Características
A residencia e centro de día público de Meira ocupa unha extensión de 3.312 m2,  dos cales 734 m2 están destinados ao edificio. Esta parcela foi posta a disposición polo Concello de Meira para a construción deste inmoble. O terreo para esta obra atópase na rúa Grupo Escolar, no casco urbano da vila.

O edificio conta con planta baixa coas seguintes dependencias: vestíbulo, recepción, aseos adaptados, baños asistidos, despacho de dirección, sala de curas, rehabilitación, sala polivalente, sala de convivencia, sala de terapia, comedor, servizos de cociña, servizos de lavandería, vestiarios do persoal.

Na primeira planta, situarase o control de enfermería, baño xeriátrico e 14 habitacións con baño individual. Na segunda planta, haberá un local de apoio e outras 16 habitacións con baño individual. Son, polo tanto, 30 habitacións, que poderán ser dobres en caso de necesitar máis prazas na residencia.