Empresarios de Vilalba reúnense coa alcaldesa para falar do polígono

Membros da directiva da Asociación de Empresarios Sete Pontes de Vilalba mantivo unha reunión cos representantes muncipais para unha posta en común de todos aqueles temas que afectan a este sector.

Segundo indicaron, falaron da situación actual e dos problemas que arrastra o polígono desde hai moitos anos e que están encamiñados para avanzar en cuestións tan importantes como poder sacar á venda novas parcelas ou a ampliación do propio polígono, para que se asenten novas empresas e creen postos de traballo, unha das prioridades do Concello.

Recentemente a directiva da Asociación de empresarios visitaron as obras da ampliación do polígono Sete Pontes para coñecer de primeira man o seu estado. Estas parcelas de 7000 metros cadrados xa están dende outubro do ano pasado a nome do Concello en espera de poñerse á venta e “teñen que servir para que aquí poidan instalarse as numerosas empresas que nos están mostrando interese por este solo industrial”, indican os empresarios.

“Cremos fundamental nestes momentos apoiar aos empresarios que queren vir a Vilalba a instalar as súas empresas e xerar postos de traballo co cal é imprescindible axilizar os trámites e a posta en venta das novas parcelas e así continuar medrando como Polígono de referencia na provincia de Lugo”, conclúen.

Etiquetas