O PSOE reivindica en Guitiriz que non se pechen os ambulatorios no rural

A Secretaria Provincial do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo e candidata ás eleccións autonómicas, Patricia Otero mantivo unha xuntanza coa Alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira e cos veciños afectados polo peche do consultorio de Parga. Alí diante deste centro pechado, dixo que “cun Presidente Socialista na Xunta de Galicia nunca se pechará un centro de saúde no rural lucense”, avanzou.

Otero advertiu que a crise do covid-19 “evidenciou dun xeito claro a profunda política de recortes do PP de Feijóo na asistencia sanitaria galega nestes últimos anos, e hoxe comprobámolo aquí en Parga. Foron máis de 11 anos de recortes nos que suprimiron 1.400 profesionais da sanidade, recortaron un total de 2.000 millóns de euros dende 2009 e deixaron de pedir 150 prazas MIR de medicina de Familia”, advertiu.

A dirixente socialista remarcou que “hoxe máis ca nunca é necesario realizar unha aposta orzamentaria para rearmar a nosa sanidade pública tras 11 anos de recortes e privatizacións, sobre todo tras escoitar as denuncias dos propios facultativos que seguen denunciando recortes con contratos precarios”. Sinalou que as próximas eleccións do 12X “deciden se Galicia a lidera o PP ou un PSdeG que ten proxecto, equipo, ideas e propostas para darlle a Galicia un futuro mellor. Porque os que recortaron, privatizaron e destruíron emprego en 11 anos non poden pilotar agora a reconstrución”, advertiu.

Pola súa banda a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, que xa mantivo contactos cos responsables provinciais da area sanitaria, remarcou que nesta xuntanza pediulles aos representantes do Sergas que cumpran a súa palabra e abran o centro coas mesmas dotacións. “As veciñas e veciños de Parga non entenden como é posible que se poidan celebrar eleccións, e non se poida abrir un centro de saúde con tódalas garantías. Os dous médicos, a enfermeira e o PSX (Persoal de Servicios Xerais), é dicir, os catro traballadores sanitarios teñen que volver a Parga, non barallamos outra opción. Os 1.500 usuarios teñen que seguir aquí”, sinalou.

O propio Sergas anunciou que o consultorio abrirá só para a atención de pacientes crónicos con servicio só de enfermaría. “Por iso demandamos a apertura total do centro tal e como se comprometeron cando se tivo que pechar ao comezo do Estado de Alarma. Este centro sanitario presta un servizo esencial para os veciños e veciñas da zona, polo tanto non se pode pechar”.

Compromiso da veciñanza
Morandeira agradeceu tamén de xeito significativo a implicación e o traballo que esta impulsando as distintas asociacións e colectivas da vila. A Asociación de Veciños Parga non se divide está recollendo sinaturas a través da Plataforma Change ORG, contra o peche deste consultorio, ademais tamén están baballando de xeito conxunto coa Asociación de Montes Veciñais e cos Comerciantes de Parga. “Nestes tempos de crise son necesarios máis que nunca a implicación e a concienciación da cidadanía, e non podemos dar nin un paso atrás no tocante aos servicios públicos e esenciais dos nosos concellos, é a sanidade xunto á educación é un deles. Estou moi orgullosa, como Alcaldesa, do traballo que está impulsando todas e todos xuntos”.

Casa da Botica
Patricia Otero visitou este domingo Guitiriz, acompañada dos membros da candidatura ás eleccións autonómicas, os concelleiros socialistas da vila, e tamén do Deputado no Congreso, Javier Cerqueiro. Alí comprobaron, diante da Casa da Botica, como se están executando os traballos para construír a residencia de maiores. “É unha dotación social moi demandada polos veciños e veciñas, que mellorará o benestar social e creará emprego sostible, e que conta cun investimento de 1,2 millóns de euros. Mentres o PP nos pecha as portas, aquí si que hai compromiso dun goberno socialista para os veciños”, resumiu Morandeira.

Etiquetas