PSOE Abadín critica o estado de “abandono” de beirarrúas, rutas e accesos a vivendas

O PSOE de Abadín fixo público a través das redes sociais estes días varias críticas sobre o estado no que se atopan pistas e beirarrúas tanto nas parroquias do rural como na capitalidade municipal.

Así, a última queixa fai referencia ao estado no que se atopan as beirrarúas de Abadín que califican como “un exemplo máis da desidia do goberno local”.  “Lamentamos esta deixadez por parte do Goberno local do PP e, máis concretamente, do concelleiro de Medio Ambiente que conta cunha dedicación parcial”, indican.

Os socialistas demandan tamén a implantación dun plan de limpeza que manteña as beirarrúas n”un axeitado estado de conservación” durante todo o ano.

Así mesmo, o PSOE demandou máis atención sobre o “mal estado” no que se atopan os accesos a algunhas vivendas da zona rural do mesmo xeito que se fan eco dunha protesta veciñal polo “abandono” das pistas da concentración parcelaria de Fanoi.

“A ruta dos muíños cunha fraga inmensa e cun bosque de ribeira á beira dos ríos é preciosa pero o 1º tramo está totalmente descoidado. Habería que rozar e mirar de novo a sinalización”, indica unha veciña.

“Dende o municipal socialista esiximos ao Concello que se dean instrucións para acometer a limpeza e o desbroce de inmediato, pois ter neste estado o noso patrimonio é de vergoña”, recalcan os socialistas.

Ademais o PSOE fixo unha listaxe de denuncias de diferente índole sobre Abadín. Entre elas figura que nas ferias non haxa un control sanitario, que o alcalde vaia á praia “e a cantos sitios queira no coche de todos”, os vertidos ao río polo mal funcionamento das depuradoras, que nunha alerta sanitaria repartan mascarillas “tras 40 días do seu inicio”, “que se pase a lei polo forro unha e outra vez non convocando plenos”, que non se promova “ningunha política de emprego”,  que todas as subvencións que se perciben vaian adicadas maioritariamente ao asfaltado, que non se promovan as concentracións parcelarias en todas as parroquias, que non haxa traídas de auga para todas as parroquias, que non haxa unha limpeza periódica das pistas,  que durante 40 anos de Goberno non se levara a cabo a construción dun parque empresarial nin dunha residencia da terceira idade, que por parte do Concello non se defenda a existencia dun pediatra no ambulatorio, que non se leve a cabo o arranxo do campo de fútbol “tan demandado por os xogadores” e aprobado en pleno, que os concelleiros “estén a cobrar por… alguén sabe o traballo que fan?”, e que non se leve a cabo a eliminación das barreiras arquitectónicas nos espazos públicos.

Etiquetas