O venres é o último día para solicitar as axudas a autónomos en Guitiriz

O venres 3 de xullo remata o prazo que deu o Concello de Guitiriz para solicitar as axudas dirixidas a paliar os efectos económicos xerados pola crise sanitaria da COVID-19. A través desta convocatoria todos os autónomos do municipio que se viron afectados polo Estado de Alarma recibirán unha aportación de, como mínimo, 1.500 euros.

O orzamento municipal que o goberno local destina a esta iniciativa ascende a 140.000 euros, cofinanciados con recursos propios e mediante o Plan Único provincial. Se a partida asignada non fose suficiente, poderán ampliarse os créditos ata a cobertura do maior número delas posible e, por outra banda, se ao rematar o prazo de solicitudes aínda queda remanente, este poderá distribuírse entre as xa presentadas.

Así, as persoas físicas autónomas de calquera tipo que teñan unha actividade afectada polo peche establecementos disposto no Real Decreto do 14 de marzo recibirán unha contía fixa de 1.500 euros. Esta poderá incrementarse 400 euros por autónomo a maiores empregado dentro do mesmo establecemento, podendo realizarse unha única solicitude por local e cun máximo de 2.500 euros.

Requisitos

Entre outros requisitos, poderán solicitar esta subvención os autónomos e autónomas que se visen afectados polo peche de establecementos e teñan o seu domicilio fiscal en Guitiriz ou o seu local se atope no municipio. Deberán presentarse por vía telemática a través da sede electrónica ou por correo electrónico a info@concellodeguitiriz.com

Estas axudas serán compatibles con calquera outra concedida por entidades públicas ou privadas, estatais ou internacionais, sempre que o importe total das axudas percibidas polo mesmo concepto non supere o custo total dos gastos subvencionables polas presentes axudas.

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, explicou que “levamos xa moito tempo na redacción destas bases para que de verdade esta liña de subvencións axudase aos nosos veciños e destacou que o obxectivo é “paliar e actuar de xeito inmediato ante as consecuencias derivadas da crise provocada pola COVID-19 e impulsar a actividade económica, protexendo os empregos na vila”.

Etiquetas