Profesores do Lois Peña Novo demandan unha liña clara de traballo ante o novo curso

Profesores do IES Lois Pena Novo de Vilalba, xunto a outros docentes da provincia, fixeron un comunicado no que acusan ao Goberno galego de “falta de directrices claras” para os centros educativos desde o inicio do estado de alarma, no mes de marzo.

Segundo explican, a situación de confusión foi en aumento tanto para impartir clases telemáticas como para facelo de maneira presencial, “algo especialmente grave no relativo aos criterios de promoción e titulación, deixando toda a responsabilidade aos equipos docentes e propiciando desigualdades evidentes entre os diferentes centros, propiciado por unhas instrucións deliberadamente ambiguas”.

Os profesores lamentan o cambio constante de instruccións, o reparto “apresurado” de equipos informáticos, o traballo “desmesurado” dos mestres para elaborar materiais, a falta de definición dos criterios para a última avaliación, a decisión “precipitada de retomar as clases presenciais de forma voluntaria.

O grupo de profesores “lamenta a ausencia de previsión para o próximo curso”. “É imposible sacar adiante todo ese plan de traballo sen un orzamento xusto e sen o establecemento dunha rateo axeitada e acorde coa emerxencia sanitaria, que garanta a seguridade da comunidade educativa. A situación é moi seria, xa que falamos de saúde e non se deben escatimar recursos á hora de afrontar unha volta masiva ás aulas”, explican.

Os docentes esixen contar con garantías necesarias para o regreso do alumnado ás aulas, un plan de formación para o profesorado ante unha hipotética volta ao ensino a distancia e dotar de medios a alumnos e profesores.

“Os equipos directivos estamos a sufrir unha presión sen precedentes, que poucas veces vén acompañada da comprensión da Administración”, aseguran, e engaden que o non ter criterios de avaliación comúns “propicia desigualdades entre os centros”.

 

Etiquetas